Luca Chao: “o histórico acordo de Goberno no Estado indica o rumbo para despedir tamén a Feijóo da Xunta”

O Grupo Común da Esquerda celebra a ratificación da coalición progresista tras a votación de investidura
Publicado por o día 07/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Luca Chao: “o histórico acordo de Goberno no Estado indica o rumbo para despedir tamén a Feijóo da Xunta”

O Grupo Común da Esquerda celebra que o éxito da sesión de investidura desta mañá no Congreso dos Deputados teña confirmado a existencia dun Goberno de coalición progresista no Estado español, un acordo histórico cun partido á esquerda do Partido Socialista.

“Este acordo foi o que pediu a cidadanía nas urnas, unha demanda democrática. Non obstante, vimos como as dereitas tentaron boicotear a formación de Goberno, e con especial crudeza durante os últimos días. A dereita española ten que entender que hai gobernos totalmente lexítimos aínda que eles non estean alí”, manifestou a voceira do Grupo Común da Esquerda.

Luca Chao apuntou cara aos importantes avances que este acordo suporá para Galicia: o saneamento das rías; a revalorización das pensións, especialmente relevante para Galicia ao ser o territorio coas pensións máis baixas do Estado, ou a devolución do Pazo de Meirás e outros bens espoliados polo franquismo. “Este histórico acordo de Goberno no Estado indica o rumbo para despedir tamén a Feijóo na Xunta nos próximos meses. Acabamos de ver que o cambio é posible, e a cidadanía esixe que poñamos tamén fin á decada de recortes, desigualdade e desemprego de Feijóo: o reloxo ponse en marcha e marca os últimos meses de goberno do Partido Popular en Galicia”, expuxo a voceira no Parlamento Galego. “As forzas progresistas temos o enorme reto de chegar a acordos en defensa do ben común”, engadiu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.