Luca Chao: “o tempo de Feijóo está esgotado, Galicia terá o cambio progresista que merece”

“As opcións son un pacto entre o PP e os que onte cantaban o Cara al sol nas prazas dos Concellos ou unha coalición que faga políticas encamiñadas a defender o ben común”
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Luca Chao: “o tempo de Feijóo está esgotado, Galicia terá o cambio progresista que merece”

Tras a xura de cargo, esta mañá, dos novos ministros e ministras, que culmina o proceso de conformación do Goberno de coalición no Estado, Luca Chao avaliou en rolda de prensa a “ventá de oportunidade” que o novo Goberno progresista supón para “marcar un novo tempo tamén en Galicia, na que que ten que ser a última etapa do Goberno de Feijóo”.

“A cidadanía galega non pode aturar outros catro anos de parálise do Goberno de Feijóo e de padecer políticas que nos deixan un país máis desigual, con peches de servizos públicos esenciais -especialemente no rural-, con menos emprego, menos investimento social e máis débeda. Non podemos permitir seguir tendo un goberno que afonde nunha década perdida no que atinxe á economía, ao emprego, ao benestar social, ás contas públicas, á estrutura industrial, ao sistema financeiro ou ao traspaso de competencias. Feijóo non foi quen de conseguir o traspaso dunha soa competencia nos seus anos de goberno. Entendemos que todos estes motivos son suficientes para traballar incansablemente nunha alternativa política plural, progresista e de cambio”, manifestou a voceira do Grupo Común da Esquerda.

Nun momento político no que as maiorías absolutas semellan esgotadas, Luca Chao presentou a disxuntiva en Galicia entre unha coalición do Partido Popular “cos que onte cantaban o Cara al Sol nas prazas dos Concellos”, liderada por Feijóo, ou unha coalición progresista “que faga políticas encamiñadas a defender o ben común”. A maioría electoral acadada en abril, cando a esquerda superou ao Partido Popular en máis de 100.000 votos, “demostrou que o tempo de Feijóo estaba esgotado”, indicou a deputada. “Por iso leva uns meses tan nervioso, mendigando a abstención do PP e mendigando calquera fórmula que impedise o exemplo dun Goberno de coalición no Estado, replicable a Galicia. Están moi nerviosos no Partido Popular porque a xente comprobe que si é posible un Goberno centrado no diálogo e no respecto á pluralidade, por iso están ameazando xa cos tribunais e cuestionando a súa lexitimidade”, engadiu. A respecto desta cuestión, Chao lembrou que “a única lexitimidade en democracia dána as urnas” e que o Grupo Común da Esquerda “deixará todas as súas forzas en facer posible o cambio en Galicia e frear calquera aspiración de retroceso das tres dereitas”.

A aspiración do Grupo Común da Esquerda é a recuperación dos máis de 408.000 votos que o espazo tivera en 2015 e demostrar durante o novo período parlamentario, que se inaugura esta semana, “que é posible artellar unha alternativa en clave de progreso que leve a Galicia ao século XXI en temas chave coma os servizos públicos de calidade, a loita contra as violencias machistas e a blindaxe da igualdade, o combate da precariedade laboral, as infraestruturas ou a defensa do medio ambiente”, tal como apuntou a voceira na rolda de prensa. “Aspiramos a sermos vangarda, non temos por que ir á cola. Podemos inaugurar políticas de progreso, escoitando os movementos sociais e servindo de altofalantes das súas demandas, nas que levan xa moito tempo traballando”, agregou. Chao puxo como exemplo os traballadores da sanidade pública e demandas como o cese inmediato dos recortes ou a rectificación do peche do paridoiro de Verín: “levamos case dous meses de desatino e os profesionais e a veciñanza teñen convocada unha ampla manifestación para o vindeiro día 9, que animamos a secundar”.

A voceira finalizou lembrando que o amplo consenso que as iniciativas progresistas acadan entre as forzas da esquerda do arco parlamentario galego debe plasmarse nunha suma de progreso. “A única outra suma sería a que podería facer o Partido Popular: a da intolerancia, a negación dos dereitos das mulleres e a dos que mesmo fan chamamentos ao Exército contra o Goberno do Estado. Esa é a suma que, se o precisa, fará Feijóo. Non o imos permitir, Galicia quere e merece un cambio progresista e nós imos traballar para que ese cambio aconteza”, afirmou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.