Luca Chao presenta unha PNL para que se garantan os postos de traballo en Vulcano

“Non hai ninguén ao volante da política indutrial galega”, manifestou a voceira do Grupo Común da Esquerda
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Naval,Política,Vigo

Luca Chao presenta unha PNL para que se garantan os postos de traballo en Vulcano

Luca Chao presentou hoxe no Pleno do Parlamento unha iniciativa para que a Xunta tome medidas que garantan os postos de traballo en Vulcano. “O Goberno galego está deixando caer un estaleiro centenario, como deixa caer absolutamente todo, pois non hai un só conflito industrial aberto neste país que a Consellería sexa quen de resolver”, criticou Luca Chao. A voceira do Grupo Común da Esquerda animou tamén á deputada popular Teresa Egerique a buscar “un só caso no que a Consellería fose quen de resolver un problema no tecido industrial” e poñelo sobre a mesa.

“Hai só dúas semanas, no Debate sobre o Estado da Nación, Feijóo gabábase de que o sector naval galego pasaba por un momento marabilloso, dicía literalmente que ‘recuperou o liderado’ e ‘ten hoxe a segunda maior carteira de pedidos de toda Europa’. O Sr. Feijoo atribuíu ese éxito á ‘implicación decisiva da Xunta’, pero no seu discurso pasou de puntiñas pola situación actual do sector. Non mencionou nin a Vulcano, nin a Barreras, nin á industria auxiliar de Navantia, e limitouse a cargar contra o Goberno do Estado pola falta de carga de traballo en Navantia para os vindeiros dous anos. É o de sempre, se pecha Endesa é culpa do Goberno central, se non hai carga de traballo en Navantia o mesmo; pase o que pase, a resposta do Goberno galego é sempre a mesma, deixación de funcións e ausencia de responsabilidades. Non vai con eles o asunto. Para o Goberno de Feijóo só hai publicidade e a propaganda”, criticou Luca Chao.


A Proposición Non de Lei propoñía a busca activa dun inversor que garantise a actividade naval e os postos de traballo no estaleiro e a convocatoria urxente dunha Mesa sectorial cos estaleiros, a industria auxiliar e  os sindicatos para abordar unha política conxunta para o naval. “É o que demandan os traballadores, simplemente escoiten e dean pasos adiante”, instou a deputada. O Partido Popular, non obstante, solicitou a votación por puntos para a iniciativa e apoiou unicamente instar á Xunta a buscar un inversor -“cuestión para a que chegan tarde, moi tarde, xa que non buscaron ningún en dez meses”, manifestou Luca Chao-, mentres que rexeitou a convocatoria da Mesa sectorial que reclamaron os traballadores.

Luca Chao lembrou á Xunta que estaba deixando á súa sorte aos últimos 69 traballadores que quedaban no estaleiro ao incumprir as promesas de busca dun inversor e que se perden constantemente, ademais destes empregos directos, empregos auxiliares: “saíu hoxe na prensa que xa son 800 os postos de traballo perdidos nas empresas auxiliares que traballaban para Barreras”, apuntou.

O sector naval, como sector estratéxico da economía galega, xera máis de 10.000 empregos industriais directos e 25.000 indirectos, así como preto de 2.000 millóns de euros anuais de facturación, que supoñen aproximadamente o 3,3% do PIB galego. A tenor destes datos, Luca Chao preguntou ao Partido Popular que significaba para eles que o naval fose un sector estratéxico en Galicia. “Os traballadores de Vulcano preguntan que quere dicir que sexan parte dun sector estratéxico, se vostedes ignoran os seus problemas. Como é posible que nun documento do Goberno que pretende ser a base para impulsar a industria galega só apareza unha mención ao sector naval? Nin un só dato, nin unha soa proposta, por non dicir que nin mencionan a palabra ‘estaleiro’ unha soa vez nun documento de cen páxinas. Isto é o que entenden por estratéxico? Ignoralo totalmente?”, inquiriu finalmente Luca Chao.

Comentar noticia

Your email address will not be published.