Luca Chao reclama ao Goberno do PP que se comprometa coa I+D+i e coas 34 científicas do programa IC2 que foron ao paro pola súa falta de previsión

A deputada de Podemos e voceira do Grupo Común da Esquerda esixe que os criterios de avaliación do persoal investigador non penalicen aos pais e nais que asumen os seus permisos obrigatorios de paternidade e maternidade
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Podemos,Política

Luca Chao reclama ao Goberno do PP que se comprometa coa I+D+i e coas 34 científicas do programa IC2 que foron ao paro pola súa falta de previsión

A deputada de Podemos e voceira do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia reclamou onte ao Goberno galego que se comprometa coa I+D+i e coas 34 investigadoras que desenvolvían o seu labor nas universidades galegas mediante un convenio coa Consellería de Educación, e que quedaron no paro por culpa da falta de previsión da Xunta.

As científicas formaban parte do programa IC2, financiado polos orzamentos públicos e que pretende captar, reter e recuperar o talento científico en Galicia facilitando que as universidades contraten investigadoras que, na súa etapa posdoutoral, teñan xa pasado dous anos por centros de investigación de prestixio doutros países. Despois de tres anos, eses investigadores teñen a posibilidade de renovar por dous máis a súa vinculación coas universidades.

O Goberno galego non convocou a tempo o procedemento para facer efectiva esa prórroga, o que provocou que quedaran no paro. Posteriormente, a Consellería de Educación as recontratou mediante contratos-ponte temporais.

“A ciencia galega non precisa parches, senón compromisos estables que dean a necesaria estabilidade na súa carreira profesional a un persoal investigador de primeiro nivel”, dixo Luca Chao, quen reclamou á Consellería de Educación que resolva o problema e que, para as próxima convocatorias, estableza “prazos fixos”, adaptando as prazas ofertadas polo programa IC2 de xeito “que se fomente a estabilidade laboral das persoas seleccionadas”. Ademais, esixiu que as convocatorias non prexudiquen aos pais e nais investigadoras, xa que que os criterios de avaliación actuais os penalizan cando asumen os permisos obrigatorios de maternidade e paternidade.

 

O PP aproveita o verán para incidir nos recortes en Educación e suspende outro ciclo de FP en A Estrada

 

Por outra banda, a deputada tamén denunciou que o Goberno de Feijóo segue a recortar a inversión en Educación, ao suspender, en pleno verán e como ven sendo habitual nos últimos anos, outro ciclo de Formación Profesional, aproveitando o remate do período lectivo. Nesta ocasión trátase do ciclo de grao medio de FP en Emerxencias e Protección Civil que se viña impartindo desde o ano 2015 no Instituto Antón Losada Diéguez de A Estrada (Pontevedra).

“A conselleira de Educación, Carmen Pomar, dixo deste curso que estaba a resultar de utilidade para o conxunto da sociedade galega. Era de utilidade en decembro, e en xuño é eliminado? Como se explica isto?”, inquiriu Luca Chao. A deputada lembrou que o grupo municial do PP do Concello de A Estrada apoiou unha moción que reclamaba a recuperación dese título. Sen embargo, o grupo parlamentario do PP na Cámara galega votou onte en contra desa posibilidade.

A voceira do grupo Común da Esquerda recordou que o ciclo estaba a ter un éxito notable, cunha demanda de prazas que superaba á oferta “de maneira clara e rotunda”. “Só no último ano presentáranse 76 aspirantes ás 30 prazas, 46 dos cales marcaran o FP de Emerxencias como primeira opción de estudos. Coa supresión do título, o Goberno do PP traizoa tanto aos traballadores como ás alumnas, que terán que buscar, sen apenas tempo, unha alternativa para o vindeiro curso”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.