Luca Chao: “Unha vez máis, Galicia colócase por enriba do conxunto do Estado en destrución de postos de traballo”

Os datos da EPA desta mañá amosan que no mes de setembro se inscribiron 3.164 persoas máis nas oficinas de emprego
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política
Luca Chao: “Unha vez máis, Galicia colócase por enriba do conxunto do Estado en destrución de postos de traballo”

O Grupo Común da Esquerda avalía de xeito negativo os datos publicados esta mañá na Enquisa de Poboación Activa, que amosan que en Galicia 3.164 persoas se inscribiron durante o mes de setembro nas oficinas de emprego, sendo xa un total de 156.894 persoas as inscritas. Reducíronse ademais, máis do duplo as afiliacións á Seguridade Social, con 7.353 menos. A voceira do Grupo, Luca Chao, manifestou que estes datos amosan que “a evolución do emprego é o indicador máis preciso do fracaso da xestión económica do Goberno Feijóo. Un fracaso absoluto porque hoxe hai menos persoas traballando en Galicia que hai dez anos, cando Feijóo chegou á presidencia da Xunta”.

A enquisa reflicte como o balance entre este trimestre e o seu equivalente no ano 2009 se perderon un total de 54.000 postos de traballo en Galicia. “Un resultado desastroso, un balance tan negativo que descualifica a un gobernante: case tres lexislaturas nas que non se crea emprego, senón que se destrúe”, avaliou a deputada.
“Feijóo vai pasar á historia por ser o único presidente que vai deixar o Goberno con menos empregos dos que había cando chegou. Un balance desolador que non pode xustificarse pola recesión, porque Galicia é a Comunidade Autónoma coa peor evolución do emprego na ultima década, nos anos do Goberno Feijóo. Non entre as peores: a peor das 17 CC.AA. que conforman o Estado español”, salientou Luca Chao. A deputada do Grupo Común da Esquerda tamén fixo referencia á grave situación de emerxencia industrial na que se atopa Galicia, e lembrou que deses 54.000 postos de traballo perdidos, 22.500 foron no sector industrial. “Isto pon de manifesto o gravísimo problema de desindustrialización que estamos sufrindo”, finalizou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.