Lucía Freitas, estrela Michelín: “A miña é unha historia de loita constante, de superación”

A súa conferencia pechou os actos de celebración do Día Internacional da Muller
Publicado por o día 11/03/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Lucía Freitas, estrela Michelín: “A miña é unha historia de loita constante, de superación”

En 2018 conseguiu a súa primeira estrela Michelín e hai un par de semanas outra guía de prestixio volveu premiar o seu restaurante A Tafona con dous Soles Repsol, galardóns que recoñecen os mellores restaurantes e cociñeiros nacionais. Este mércores visitou a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Lucía Freitas, a cociñeira galega máis internacional, denominada por moitos como a gran esperanza branca da cociña galega. Fíxoo como peche do programa de actos de celebración do Día Internacional da Muller, e a súa charla O liderado feminino na sociedade actual, non deixou indiferente a ninguén. Nela narrou a súa propia experiencia persoal, toda unha historia de loita e superación, e con ela transmitiu unha gran mensaxe de optimismo: “na vida non podes esconderte da realidade, tes que tomala como vén e saber seguir adiante, con ilusión e valentía”.

Menos de 40 anos e tres restaurantes de éxito, un en Nova Iork

Natural de Santiago de Compostela (1972) comezou a traballar aos 16 anos e aos 19 trasladouse ao País Vasco a estudar cociña na Escola Superior de Hostelería de Artxanda, en Bilbao e, unha vez rematados estes estudos, continuou formándose na Escola de Postres do restaurante Espai Sucre de Barcelona. Posteriormente, seleccionou  moi ben os restaurantes nos que traballar para seguir aprendendo todo aquilo que máis lle interesaba: fíxoo no Celler de Can Roca (Xirona), para coñecer de primeira man a pastelaría de Jordi Roca; no restaurante el Bohío (Toledo), onde aprendeu todo o referente ao mundo das carnes da man do chef Pepe Rodríguez; pero foi no seu regreso ao País Vasco (Mugaritgz), onde descubriu o mundo verde e as hortas e, en definitiva, o valor do produto de proximidade, cuestión que, finalmente, se converteu nun dos trazos máis característicos da súa cociña.

 

Tras diferentes experiencias profesionais en Cataluña e Baleares, en 2009, en plena crise económica, tivo a valentía de abrir o seu propio restaurante en Santiago de Compostela, A Tafona, convertido hoxe nun dos máis destacados da comunidade galega. Sacalo adiante non foi doado, “todo o contrario, foi duro moi duro”, pero non se rendeu e as cousas acabaron saíndo. A este restaurante sumouse en 2016 en Nova Iork Tomiño, que non tardou en converterse no restaurante galego de moda na cidade dos rañaceos. Pero o seu instinto empresarial non quedou aí, en 2017, emprendue un novo proxecto en Compostela, Lume, “un concepto de barra gastronómica na que cociñar sen etiquetas, slow food a lume de carozo”, e co que se situou unha das mellores empresarias gastronómicas en España.

“A miña é unha historia de loita constante, de superación, de acadar o que un quere… Hai que ter referentes e moitas veces contar o propio vivido axuda a moita xente a ter esperanza e ilusión, a recobrar forzas, pois, ao fin, individualmente cada quen ten que loitar polo seu futuro”, explicou Freitas ao inicio dunha charla que nesta ocasión se encargou de presentar a vicedecana Ana Esther Castro. Foi unha mensaxe en clave feminina, na que fixo fincapé en que as mulleres son unha especie de cadea “na que nos temos que axudar as unhas ás outras e pensar globalmente para que cada vez sexan máis mulleres as referentes e que chegue un día que non haxa que falar en feminino de nada porque o mundo sexa xa igualitario”.

“Todo o malo na vida pode converterse en algo bo”

Tal e como relatou Freitas, desde sempre existiron moitas mulleres na cociña, pero a súa visibilidade ata hai ben pouco apenas tiña sido unha realidade, sobre todo porque seguen a ser poucas as mulleres propietarias de restaurantes. A día de hoxe ela é unha delas e gústalle contar a súa historia alá por onde viaxa. “Viaxo falando de Galicia, da súa cultura, das súas mulleres e isto é algo supergratificante, algo que me fai moi feliz…”, explicou a chef, quen tamén fixo fincapé en que máis aló de loitar por obxectivos como conseguir máis estrelas, máis premios… a día de hoxe o que máis valora é, en primeiro lugar, poder ter a vida que ten “co meu fillo, cos meus restaurantes”; segundo, darlle a oportunidade a moitas persoas que traballan no seu equipo de poder sentirse plenos e, sobre todo, poder axudar á xente coas súas conferencias, as súas charlas, “mantendo unha mente positiva e tentando transmitir que todo o malo na vida pode converterse nalgo bo, que se pode chegar lonxe con traballo e perseveranza e sen perder a ilusión”.

Entre outras mensaxes, Freitas animou aos asistentes á charla a ter unha mente moi global, “aínda que ti traballes moi localmente, como é o meu caso”, salientou a cociñeira. “Máis aló dos estudos, que son tan importantes na vida, o ter ganas de superarse é básico para seguir adiante”.