Luis Álvarez: “As dificultades da Xunta para replicar ás críticas de Pablo Casado contra o galego”

Publicado por o día 15/12/2018 na sección de Política,PSOE

Luis Álvarez: “As dificultades da Xunta para replicar ás críticas de Pablo Casado contra o galego”

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe as “dificultades” amosadas polo goberno galego para desautorizar as declaracións do líder do PP en contra do coñecemento do galego nas probas de acceso ao corpo de profesorado en Galicia. O responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión sobre as palabras de Pablo Casado no mes de setembro.

O líder “popular” dixo literalmente que “non podemos vivir coa endogamia de que unha autonomía seleccione a profesores polo seu idioma porque é apoiar un sistema de adoutrinamento que vai en contra do propio futuro dos nosos fillos”. Luis Álvarez reclamoulle ao goberno galego que “tome a iniciativa” para “defender a necesidade de que o profesorado galego coñeza a lingua galega” e reclamou “algunha actuación para emendar, corrixir e poñer en evidencia” a Casado.

O portavoz socialista advertiu que o PP galego “non debera ter ningún mínimo de dúbida” ao desautorizar ao seu líder “comparando o coñecemento dunha lingua cooficial co adoutrinamento do alumnado”. Lembrou precisamente que a recentralización das competencias en Educación constitúe un dos alicerces do que denomina “proxecto reformista” dos conservadores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.