Luís Bará: “O BNG é garantía de lealdade e fidelidade a Galiza xa que sempre defendemos en Madrid o mesmo que aquí”

O candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra salientou hoxe en Vigo que o BNG “ten ideas e principios que non cambiamos por oportunismo”
Publicado por o día 22/06/2016 na sección de BNG,Elecciones 26J,Política

Luís Bará: “O BNG é garantía de lealdade e fidelidade a Galiza xa que sempre defendemos en Madrid o mesmo que aquí”

A portavoz nacional Ana Pontón salientou que o traballo dos ex deputados/as no Congreso, dende 1996, serviu para que Galiza aparecera no escenario estatal e se visibilizaran os problemas do país.

O cabeza de lista do BNG-Nós por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Vigo no transcurso dun acto coa mocidade no que participaron ex deputados e deputadas nacionalistas que “o BNG é garantía de lealdade e fidelidade a Galiza xa que sempre defendemos en Madrid o mesmo que aquí”. Bará subliñou que “no BNG temos principios e ideas que non cambiamos por oportunismo”, para engadir que “as nosas liñas vermellas sempre estarán na defensa dos intereses de Galiza, e así se demostrou nos 20 anos que estivemos no Congreso tendo influencia nas políticas de goberno sen render pleitesía ás forzas madrileñas”.

“Non se poden defender dous intereses diferentes á vez. Non se pode defender a un tempo as necesidades dun territorio e doutro totalmente diferente no estado. Nós defendemos sempre os intereses de Galiza cunha voz clara, contundente e forte, por iso é necesario que no BNG poidamos devolver a súa voz en Madrid ao noso país”, salientou Bará.

No acto de hoxe en Vigo Bará agradeceu “o seu labor aos compañeiros que estiveron en Madrid no Parlamento defendendo os intereses da nosa terra” e subliñou que é unha responsabilidade “estar á altura da súa honestidade e capacidade de traballo” na vindeira lexislatura. “Eu teño moitas forzas e ánimos para afrontar ese traballo porque sei do potencial do noso país e sei tamén que con ferramentas políticas e financeiras poderemos traballar para xerar riqueza e emprego, que son o fundamental para sacar a Galiza da crise na que vive”.

Pola súa banda, a portavoz nacional Ana Pontón asegurou no encontro con ex deputados e deputadas que “hoxe constatamos como a presenza do BNG no ano 1996 serviu para que Galiza aparecera no escenario estatal e sabemos que ter voz no Congreso é importante non só para que se fale dos nosos problemas senón para acadar a súa solución e  o noso país avance, nesa liña de avance quere continuar o BNG”.

Ana Pontón reiterou que nun contexto non que non haberá maiorías absolutas, “un, dous ou tres deputados nacionalistas poden ter a chave do próximo goberno” e os votos dos galegos e galegas deben ser utilizados para “derrotar á dereita” pero sobre todo para que “os nosos intereses e aspiracións teñan alternativas fronte á emigración, a precariedade, o desastre das políticas que nos deixan Rajoy e Feijóo nos nosos sectores produtivos”.

Ex deputados e deputadas

A portavoz do BNG afirmou que é necesaria “unha voz que aposte por un cambio que chegue a Galiza”. “Eu sei”, dixo, “que hai moita xente que durante estes cinco meses botou de menos ao BNG, e moita xente que valora o traballo que fixemos  durante estes anos e que quere que o BNG volva a estar presente no congreso, pero para iso, hai que ir a votar o 26 de xuño e hai que facelo pensando en que os galegos e galegas non temos que ser espectadores senón protagonistas e que o voto que realmente garante a derrota da dereita e que Galiza teña voz, é o voto ao BNG”.

No acto celebrado hoxe en Vigo coa mocidade, Francisco Rodríguez destacou que a presenza do BNG no Congreso durante estes vinte anos supuxeron que “Galiza existise no Congreso de maneira contundente”, e  as cousas que se poden mudar pola vía institucional  “mudaron radicalmente” de tal xeito  que nos orzamentos do Estado non tiñan en conta a Galiza pero cando o BNG foi necesario,  produciuse esa  mudanza, “se querían os nosos votos, tiñan que mudar os investimentos na Galiza” e iso aconteceu por primeira vez na historia a partir do ano 2006.

O ex-diputado Guillerme Vázquez lembrou que no Congreso, o BNG conseguiu que se falara da pesca galega e do sector lácteo. Neste momento, dixo, “o  voto útil do  pobo galego para combater as políticas de dereitas e con perspectiva de país, está no BNG”. Guillerme Vázquez lembrou que o BNG propiciou no Congreso que se falara das vacas tolas e do Prestige, porque “tiñamos influencia e o resto dos deputados e deputadas consultaban ao BNG para falar destes temas”.

Pola súa parte, a primeira nacionalista galega, a ex-deputada Olaia Fernández Davila destacou a aportación do BNG   á primeira Lei de Igualdade na primeira Lexislatura e a Lei do aborto na segunda Lexislatura, leis, dixo, “nas que foron incorporadas as emendas presentadas polo BNG”. Davila salientou o traballo político do Bloque Nacionalista galego, tanto no Congreso como no labor social nas grandes mobilizacións dos preferentistas e polos dereitos dos emigrantes retornados.

Finalmente, Francisco Jorquera tamén aludiu ao traballo realizado dende 2008-2012 e destacou que nos orzamentos do ano 2009, o BNG tivo un papel decisivo para a súa aprobación pero a cambio deste apoio, “Galiza elevou o seu investimento máis do 8% e foron transferidas cinco competencias mentres que dende que goberna Feijóo, as competencias transferidas a Galiza foron cero”.