Luís Bará comprométese a que o BNG desenvolverá dende a Xunta un ‘Plan Vigo’ de investimentos e obras en mobilidade e infraestruturas

Subliñou que non hai nada decidido para o 12X e que é preciso concentrar os votos que queren un cambio no BNG de Ana Pontón xa que é a alternativa real ao Partido Popular
Publicado por o día 06/07/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Luís Bará comprométese a que o BNG desenvolverá dende a Xunta un ‘Plan Vigo’ de investimentos e obras en mobilidade e infraestruturas

“A partir do vindeiro 12 de xullo vai haber na Xunta de Galiza un goberno do BNG presidido por Ana Pontón que será un goberno aliado de Vigo e que traballará a favor de Vigo”. Así o manifestou hoxe na cidade olívica o cabeza de lista do Bloque, Luís Bará, -acompañado polas tamén candidatas Alexandra Fernández e Carmela González, e polo portavoz municipal Xabier P. Igrexas- onde plantexou rematar cos once anos de abandono do Partido Popular e poñer en marcha un ‘Plan Vigo’ de investimentos e obras de mobilidade e infraestruturas.

Segundo explicou Bará, o BNG pretende activar a área metropolitana de Vigo como o grande motor de cooperación con todos os concellos da contorna para impulsar a área de influencia e a cidade. Desenvolverá para iso un plan integral de mellora da mobilidade e das infraestruturas, “un Plan Vigo de investimentos en obras que son necesarias e que foron paralizadas polo Partido Popular”, abondou.

O Plan Vigo, segundo Bará, desenvolverase nos vindeiros anos en catro grandes ámbitos. O primeiro pasa polo fomento do ferrocarril, “que é a fórmula de mobilidade do futuro”, creando un ‘Galtren’ que dinamice o tren de proximidade para comunicar Vigo con Pontevedra, con Tui e co resto do país. O segundo punto, dixo o nacionalista, céntrase no impulso do transporte público por estrada implementando o Plan de Transporte da Área Metropolitana, “paralizado ata agora polas liortas partidistas entre o PSOE e o PP”, e tamén mellorando as comunicacións da cidade de Vigo con dous polos de grande dinamismo como o CUVI e o aeroporto de Peinador.

En terceiro lugar, Bará destacou a necesidade de impulsar o transporte marítimo de ría como unha alternativa sustentable para o tráfico a motor: “Haberá incentivos e tamén máis servizos dentro da ría de Vigo”, dixo. Por último, o cabeza de cartel destacou que o BNG desenvolverá dende a Xunta un plan de investimentos para mellorar a rede viaria con dúas actuacións que son clave, como a construción do túnel de ‘Julián Estévez’ para mellorar as comunicacións do barrio de Teis e tamén co campus da ETEA, e a urbanización da PO-330 en Pereiró, “unha obra tamén adiada polo desleixo da Xunta do Partido Popular”.

Outro dos aspectos que Bará puxo sobre a mesa é que o goberno do BNG liderado por Ana Pontón “tamén será un goberno que impulse e negocie co goberno central actuacións que serán centrais para mellorar as comunicacións de Vigo coa área xeográfica e o resto de Galiza”. Nomeadamente citou o rescate da AP-9 e inmediatamente a gratuidade do treito entre Redondela e Vigo, así como a urbanización do tramo urbano que atravesa a parroquia de Teis.

Finalmente anunciou que o BNG tamén implantará un plan de mellora de transporte de mercadorías por ferrocarril conectando o Porto de Vigo e todos os nodos loxísticos da área coa rede do corredor Atlántico de mercadorías por ferrocarril.

Logo de poñer sobre a mesa toda a batería de propostas para Vigo e a súa área Bará subliñou que o resultado do 12X está aberto. Insistiu en que “hai partido” e que é preciso que toda a xente que quere un cambio para Galiza vaia votar e non quede na casa. “Se a veciñanza de Vigo que quere o país, que quere un cambio, vai votar o 12X e concentra o seu voto no BNG, que é a alternativa real a Feixóo, faremos historia porque Ana Pontón será a primeira presidenta nacionalista da historia deste país”, subliñou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.