Luís Bará comprométese a relanzar dende a Xunta o proxecto do Campus do Mar para facer de Vigo o gran polo científico e tecnolóxico de Galiza

O cabeza de lista avoga por concentrar en Teis todos os centros de referencia en investigación e tecnoloxías mariñas, así como a base de buques de investigación oceanográfica
Publicado por o día 19/06/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Luís Bará comprométese a relanzar dende a Xunta o proxecto do Campus do Mar para facer de Vigo o gran polo científico e tecnolóxico de Galiza

O BNG relanzará dende a Xunta o proxecto do Campus do Mar para facer de Vigo o gran polo científico e tecnolóxico de Galiza. Así o indicou e se comprometeu hoxe en Vigo o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, nunha visita ao barrio de Teis e ás antigas instalacións da ETEA onde mantivo un encontro con representantes da asociación veciñal.

Bará insistiu en que o BNG pretende facer de Vigo o gran polo científico e tecnolóxico de Galiza, tendo como ‘buque insignia’ o Campus do Mar da Universidade de Vigo onde destacou que se deben concentrar todos os centros de referencia en investigación e tecnoloxías mariñas, e tamén a base de buques de investigación oceanográfica que estaba prevista dende o inicio do proxecto. “Non renunciamos a ela”, dixo Bará.

Para o BNG a innovación e investigación deben ser un gran motor de impulso do desenvolvemento de Galiza creando sinerxias entre as universidades e os centros tecnolóxicos. Bará avogou por relacionar este polo co tecido produtivo para dinamizar e impulsar a economía galega en sectores que son estratéxicos para o futuro do país: “Todas as potencialidades que ten o noso mar deben ser impulsadas a través deste gran polo de investigación e tecnolóxico”, dixo.

Así mesmo, Bará destacou que o proxecto do Campus do Mar “é un exemplo claro dun país co motor parado”. Lembrou que a recuperación dos terreos da ETEA iniciouse no 2004: “pasaron 16 anos e está practicamente todo igual, as zonas públicas están practicamente a monte, desaproveitadas, os edificios aínda pendentes de rehabilitación. A Xunta de Galiza presentou o plan sectorial do Campus do Mar no ano 2012 e hoxe en día aínda non se moveu unha pedra deste proxecto”, subliñou, polo que manifestou que o BNG ten o compromiso claro de relanzar este proxecto como fixo cando estivo no Goberno da Xunta e no Concello.

Ademais de poñer sobre a mesa o eixo central do relanzamento do mundo da innovación, o cabeza de cartel manifestou a necesidade de que na zona de Teis se deben impulsar equipamentos necesarios para o barrio e a cidade, fundamentalmente unha residencia de persoas maiores. “A residencia foi prometida hai moitos anos e está pendente tamén de execución”, salientou, para asegurar que o BNG aposta por que sexa unha residencia pública “para evitar o que pasou nos últimos anos de goberno do Partido Popular coa privatización e conversión da atención ás persoas maiores nun negocio de empresas privadas e fondos de inversión que só procuran sacar beneficio e non a atención ás persoas maiores”.

O nacionalista destacou a idoneidade de recuperar os terreos comunitarios da ETEA como unha zona de esparcemento e lecer de calidade para a veciñanza. Destacou que se trata practicamente dunha das únicas zonas de Vigo que aínda segue aberta ao mar.

Mesa redonda virtual da cultura

Por outra parte, o cabeza de lista do BNG tamén ten programado participar nunha mesa redonda virtual con representantes da cultura en Vigo baixo o título ‘Desconfinando a cultura galega’ ás 18 horas de hoxe, sendo retransmitida en directo polo Facebook do BNG de Vigo. Neste encontro tamén participan a candidata Carmela González; o director da MIT e profesor da ESAD Roberto Pascual; o profesor de baile e música tradicional Luís Prego; a produtora audiovisual e profesora Beli Martínez; o músico de rap Hugo Guezeta; e o debuxante e guionista Pepe Carreiro.

Algunhas das propostas que Bará plantexa no eido da cultura pasan pola creación dunha Consellería de Cultura con máis orzamento, que supere o 0,8% que ten actualmente e con plans estratéxicos de apoio e reactivación; por un novo departamento de cooperación cultural para mellorar a colaboración coas asociacións e coas administracións locais; a posta en marcha do bono cultura para estimular o consumo; campañas de captación de públicos e promoción da cultura galega onde debe xogar un papel fundamental a televisión e a radio pública; así como a creación dunha liña de crédito especial de Agadic e IGAPE para pemes e profesionais e autónomos. Falou tamén da creación dun Fondo Social Galego, así como do Estatuto do Artista para ter cobertura social. Todo isto, asegurou, coa visión de fondo de que a cultura debe declararse como ben de primeira necesidade.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.