Luís Bará: “A cultura ten que ser un maior dinamizador económico e de creación de emprego para Galiza”

O candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra asegura que as industrias culturais son un “sector estratéxico” do que o BNG vai ser aliado nas Cortes
Publicado por o día 18/06/2016 na sección de BNG,Elecciones 26J,Política

Luís Bará: “A cultura ten que ser un maior dinamizador económico e de creación de emprego para Galiza”

A portavoz nacional Ana Pontón propón a baixada do IVE cultural do 21% ao 4% e cualifica de “navallada ao sector” a política feita polo PP.

O cabeza de lista de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que a cultura galega é un sector estratéxico polo que hai que apostar para que sexa un dinamizador económico e de xeración de emprego. “A Cultura representa o 2% do PIB e xera o 3% do emprego en Galiza, pero nós pensamos que pode ser máis. O país é unha potencia, por iso é fundamental poñer en marcha ferramentas de impulso, apoio e promoción. No BNG, coa nosa voz no Parlamento, faremos un traballo constante e continuado para apostar pola cultura deste país e para que teña o seu lugar no mundo e sexa a marca de calidade e identidade de Galiza”, dixo.

“A cultura galega triunfa cando sae fóra, e iso é garantía de que pode chegar a todos os públicos e a todos os continentes e de que pode crear máis emprego e de máis calidade” insistiu Bará, quen estivo hoxe acompañado da portavoz nacional Ana Pontón nun encontro con representantes de empresas culturais do proxecto ‘Pontevedra ten un puntazo’ do Concello de Pontevedra. Trátase de profesionais do deseño gráfico e de espazos, da publicidade, gastronomía, comunicación, xestión cultural, produción musical, banda deseñada, escolas de tempo libre, teatro, música, guión ou editoriais, entre outros.

Bará explicou que as industrias culturais en Pontevedra son a expresión máis clara da potencia do país e a súa capacidade, xa que a pesares de políticas contrarias aos seus intereses por parte das administracións galega e estatal “puideron construír proxectos, ter éxito e levar premios, sendo un orgullo para o país”. “En Pontevedra temos o exemplo que de que con apoio institucional do Concello, enerxía, creatividade e talento, proxectos xurdidos dende a base converteron a cidade nun referente no mundo cultural”, salientou, para destacar a súa ledicia por ver que iniciativas xurdidas cando el era concelleiro de Cultura (1999) están consolidadas “e ademais hai moitas caras novas”.

IVE cultural

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo sobre a mesa tres propostas do BNG-Nós relativas ao mundo da cultura. A primeira é a redución ao 4% do IVE cultural que a día de hoxe está no 21%. “Traballaremos no Congreso para que se suprima ese incremento, porque foi unha das medidas máis lesivas que se adoptaron neste tempo. Foi unha puñalada ao sector cultural, unha puñalada ao dereito das persoas para acceder á cultura, e unha puñalada para que poidamos desenvolver o sector cultural galego”, indicou.

Por outra banda, Pontón asegurou que non ten sentido que siga existindo un Ministerio de Cultura cando as competencias están transferidas ás comunidades autónomas: “os fondos que agora ten o Ministerio deberían transferirse directamente a Galiza para poder desenvolver políticas propias no noso país”.

Como terceira proposta Pontón apuntou a necesidade de desenvolver os vínculos coa lusofonía. “O estado español debe deixar de poñer atrancos, como os problemas para a recepción das televisións portuguesas en Galiza ou que o sinal da televisión galega non chegue a Portugal”, destacou, para engadir que a posibilidade de dispoñer desas canles é importante non só dende o punto de vista de coñecer unha lingua irmá, senón tamén polo desenvolvemento de sectores como o do audiovisual galego.

“Estas son as cuestións das que quere falar o BNG cando se destaca a utilidade dunha forza nacionalista no Congreso. Temos moi claro que o voto ao BNG é un voto que vale dobre porque vale para desaloxar ao PP e as políticas nocivas que viñeron facendo nestes anos, pero tamén vale para defender os intereses deste país… E un dos intereses que consideramos estratéxico é defender a nosa cultura, o dereito a ter unha cultura en galego e que esta sexa un elemento de cohesión social e de dinamización da economía”, salientou.