Luís Bará: “Demos os primeiros pasos para que o BNG sexa protagonista na política galega”

O deputado electo do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou que o bo resultado do 25S debeuse ao traballo da organización, ao “brillante liderado de Ana Pontón” e á “clarificación do noso discurso”.
Publicado por o día 26/09/2016 na sección de BNG,Eleccións Galegas,Vigo

Luís Bará: “Demos os primeiros pasos para que o BNG sexa protagonista na política galega”

“A consolidación do PP é demérito das forzas que tiñan a obriga de dar unha alternativa polas súas liortas e incapacidade”

“Están postas as bases para o crecemento do BNG en Galiza”. Así de claro o manifestou hoxe o deputado electo do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, ao facer balance dos resultados das eleccións galegas. Segundo explicou, o feito de manter seis deputados no Parlamento galego tendo en conta a mala situación que a formación nacionalista estaba a vivir hai tres meses demostra que se deron os primeiros pasos para que o BNG teña un papel central “protagonista na política galega” nun tempo non moi lonxano.

Bará asegurou que en termos xerais a situación tras o 25S non é satisfactoria pola consolidación do PP, pero dixo que, en clave BNG, “estes resultados créanos unha esixencia moi grande para atraer máis xente, para abrir as portas do BNG e facelo máis forte, máis atractivo e para sumar máis ilusión, confianza e apoios de cara o futuro”. “Nós non nos conformamos con este papel xa que, con ser un resultado satisfactorio, queremos xogar un papel central de protagonistas na política galega”, salientou, para asegurar que dende o punto de vista do nacionalismo e do BNG empeza un ciclo político novo de moita ilusión e esperanza.

Segundo subliñou o novo parlamentario, o resultado do BNG foi “magnífico” e “excelente” grazas ao traballo feito pola xente da organización do BNG, que ao seu entender foi clave “nun proceso de recuperación e remontada que nos levou a romper as previsións, todas as expectativas e enquisas e obter un excelente resultado”.

“Durante a campaña o BNG foi a máis claramente… Non vou dicir iso de que con dous debates e unha semana máis ‘nos los merendábamos’-bromeou- , pero está claro que o proceso da campaña electoral conseguiu mobilizar a nosa organización e á nosa xente grazas tamén ao papel central e fundamental que tivo a nosa líder Ana Pontón. Ela é unha das grandes noticias para o futuro do BNG”, asegurou.

Así mesmo, Bará afirmou que nesta campaña das eleccións galegas tamén “conseguimos que voltase ao BNG moita xente que se tiña distanciado grazas a cambiar as liñas centrais do noso discurso político, xa que o clarificamos na defensa do país e fixémolo máis atractivo… e niso tivo moito que ver o estilo e a brillantez e capacidade política da nosa candidata“.

“Esta campaña colleunos animados, motivados traballando e moi entrenados e por iso o ‘efecto Pontón’ e outros factores nos levaron a estes resultados”, insistiu. Destacou que na comarca de Pontevedra houbo resultados electorais moi salientables en concellos como Soutomaior, Barro ou Pontevedra que, en xeral, tiveron porcentaxes moi altas que foron claves para o resultado da provincia.

Sobre o resultado a nivel xeral en  toda Galiza, Bará destacou que “a maioría absoluta do PP en Galiza é unha mala noticia para o país”. Na súa primeira valoración, subliñou que esa consolidación do PP “máis que mérito do Partido Popular é demérito das forzas que tiñan obriga e o papel de representar a alternativa”.

“Na vitoria do PP foi clave o fracaso desas forzas políticas a nivel estatal, a súa incapacidade para chegar a acordos e formar unha alternativa. Iso doulle unha vida extra a Rajoy, ao Partido Popular e tamén a Feijóo en Galiza. Creo que tamén houbo unha falta de capacidade para ilusionar e de atracción por parte desas forzas políticas –en referencia ao PSOE e a En Marea-e que ten moito que ver con ese desgaste que están tendo polas súas propias contradicións e as súas propias liortas e o espectáculo que deron nas semanas previas á cita electoral. Unhas e outras axudaron moitísimo ao Partido Popular. Tamén influíu o desgaste das propias experiencias de goberno nas cidades que están sendo decepcionantes para moita xente”, finalizou.

Sobre a súa incorporación ao Parlamento e posible renuncia ao cargo de concelleiro, Bará asegurou que se trata dunha decisión que corresponde aos órganos do BNG e que aínda non está tomada. “A toma de posesión é o 21 de outubro. Esas cousas falaranse con calma aquí na casa e en principio o máis lóxico é que sexan cargos incompatibles. Valoraranse as circunstancias do grupo parlamentario e do municipal e tomaremos a decisión mellor para as institucións e o BNG. Non me corresponde decidilo a min”, subliñou.

En calquera caso, o concelleiro asegurou que se sinte “absolutamente feliz e realizado e moi motivado na política municipal” e que “se dependese de min tentaría compatibilizar porque quedan moitos proxectos en marcha aquí en marcha que me gustaría axudar a culminar”.

Por último, Bará destacou que en Pontevedra queda un proxecto sólido, solvente, cun grande equipo, capacidade de mover ‘banquiño’ e renovarse con persoas novas, e cun liderado de Lores “ao que nunca vin coma nos últimos tempos, con tanto entusiasmo, tan seguro, tan animado, motivado e decidido a seguir á fronte deste concello. Que ninguén teña dúbidas nese sentido que hai Lores por moito tempo”.