Luís Bará: “Ethel Vázquez confunde plan de transporte público con transporte de viaxeiros por estrada”

Denuncia contratos millonarios a empresas madrileñas e pide corrixir o Plan de transporte público para cubrir as demandas reais do territorio galego
Por o 12/02/2019 | Sección: BNG,Política
Luís Bará: “Ethel Vázquez confunde plan de transporte público con transporte de viaxeiros por estrada”

Tras a comparecencia da conselleira  Ethel Vázquez para informar do Plan de transporte público en Galiza, o deputado do BNG, Luís Bará asegurou  a titular de Infraestruturas e Mobiliadde confunde un verdadeiro plan de transporte público co “transporte de viaxeiros por estrada”,  sen estratexia para ser un  “plan integral”  de  mobilidade e sustentabilidade.

Entre as críticas ao novo modelo da Xunta, Bará afirmou que incumpre a posta en marcha dunha lei de mobilidade para un transporte público, eficaz, intermodal e moderno. “Non temos nada en transporte ferroviario”, e por ese “espírito de Colón” renunciaron a que Galiza conte cun tren galego, un ente ferroviario galego ao que se comprometeron no ano 2010 para metelo despois nun caixón.

O deputado  pediu a retirada do plan de transporte público  e alertou das  alegacións que serán presentadas polo que reclamou a súa corrección e elaborar  un estudo que recolla as verdadeiras  demanda da poboación porque nos contratos aparecen liñas que ninguén utiliza, autobuses en zonas peonís, propostas tarifarias  discriminatorias e  mesmo liñas  creadas para beneficiar centros escolares privados. “Hai parques empresariais, centros de saúde e sistema universitario que non contan con transporte, pero crean dúas  liñas para un centro escolar privado na parroquia dos Praceres”, denunciou Bará.

SEN IDEAS PARA O TRANSPORTE DE RÍA, PEONIL E CICLISTA

Ademais, o parlamentario  tamén se referiu ao transporte marítimo de ría e a mobilidade peonil e ciclista da que tampouco, dixo, “se sabe nada”, así como o  plan de aparcamentos disuasorios. Todas estas cuestións, explicou están publicadas na páxina web da consellería pero seguen sen ser executadas.

Para o nacionalista,  a consellería de infraestruturas e mobilidade carece de “ideas e rumbo” e pola súa xestión, ironizou “parece que ninguén esta ao volante” agás  empresas privadas e consultoras madrileñas para dirixir o departamento de mobilidade.

Renovan ano tras ano os contratos con estas empresas e como sigan así, explicou Bará, van ter que facer “fixo” ao persoal. O que hoxe nos presentan como plan de transporte público é “un simulacro” para legalizar o que estaba fora da lei, de aí as presas e improvisacións no ano 2017 para reparar “a chapuza” que propuxeron e que provocou unha resposta inmediata dos concellos que obrigou á  consellería a repoñer os servizos que pretendía suprimir, tras abonar   “800 mil euros en contratos ás empresas por asistencia técnica  á que hai que sumar  34.000 euros no ano 2017 e 121.000 euros no 18 á empresa contratada para a dirección xeral de transporte”.

SERVIZOS E PERCORRIDOS ALLEOS Á DEMANDA DAS PERSOAS USUARIAS 

Bará lembrou que todos os colectivos representativos do sector e da sociedade, “non apoiaron o plan” que nin  sequera conta cun estudo de impacto ambiental nin foi enviado ao Parlamento galego para o seu debate. Os proxectos de explotación presentados hoxe na Cámara galega “carecen de rigor ”, a pesar, dun investimento de 2,5M€ para as empresas “consultoras madrileñas”. Estas empresas, reiterou Bará, descoñecen o territorio  e as liñas de servizos e percorridos necesarios.

Finalmente, o deputado denunciou a existencia de liñas en diferentes concellos que aparecen reflexadas en distintos contratos, irregularidades  que a consellería tenta agochar a través de publicidade e  propaganda con campañas de seguridade viaria, 400.000 euros,  e 600 mil para a campaña de transporte público e  contratos millonarios con empresas de fora que non resolven o grave problema de sinistralidade en Galiza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.