Luís Bará: “Hai que crear de forma urxente un tren de proximidade que conecte axeitadamente o territorio”

O candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra cualificou hoxe as liñas de curta distancia de “elemento importantísimo” para o desenvolvemento das cidades e as súas contornas
Publicado por o día 16/06/2016 na sección de BNG,Elecciones 26J,Política

Luís Bará: “Hai que crear de forma urxente un tren de proximidade que conecte axeitadamente o territorio”

“Hai que poñer en marcha un tren galego que conecte axeitadamente o territorio. O tren de proximidade é un elemento importantísimo para o desenvolvemento das cidades e as súas contornas así como das pequenas vilas. Trátase dunha necesidade urxente”. Así o indicou o cabeza de lista da candidatura do BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, quen na mañá de hoxe realizou unha viaxe en tren entre as estacións de Pontevedra e Vigo-Guixar, e instou ao Ministerio de Fomento a tomar a conexión como unha opción de transporte alternativa e real ao colapso actual de infraestruturas viarias como a AP-9.

Bará sinalou que “de pouco serve acortarmos os tempos de desprazamento coa meseta se continuamos cun tren lento e con poucas frecuencias no interior do país”, dixo, para engadir que esa “falla de conexión por tren é inexplicábel e supón un atraso para Galiza”, xa que deixa incomunicadas a veciños e veciñas de pequenas localidades. “Como é posíbel que no caso da provincia de Pontevedra non se dispoña dun tren de proximidade, rápido e áxil, conectando o eixo Tui-Vigo- Pontevedra-Vilagarcía?”, cuestionouse.

Bará lembrou a necesidade de recuperar estacións de lugares que, coas novas liñas ferroviarias, quedaron esquecidos e sen conexión. Destacou os casos de Redondela ou Arcade na provincia de Pontevedra e incidiu en que nunha época de emerxencia social como a actual o servicio é aínda máis necesario porque traballadores, obreiros e estudantes precisan deste recurso como alternativa sostible ao vehículo privado, que supón máis custes.

Bará comprometeuse a traballar en Madrid no seu escano de parlamentario para recuperar estas liñas de proximidade e mellorar a media distancia galega actual. “Hai que poñer en marcha un tren galego que conecte axeitadamente o territorio”, insistiu novamente, para salientar que Galiza debe ter voz propia no Congreso con forzas cen por cen galegas para acadar este tivo de obxectivos.

“Temos que poñer o país á altura do que precisa a xente, por iso é preciso que o BNG condicione o futuro goberno, que faga que Galiza conte en Madrid. Xa se demostrou nos últimos cinco meses que Galiza estivo muda, e o BNG, cando estivo nas institucións, fixo que os intereses do país fosen as súas liñas vermellas. Só o BNG é garantía de respecto para o país”, finalizou.

Velocidade Alta

O número un da lista nacionalista ao Congreso subliñou na estación de Guixar que no BNG “sempre esiximos que se cumpran os compromisos adquiridos con Galiza en materia de alta velocidade”. Puxo en valor o traballo feito en Madrid nos últimos anos por deputados como Olaia Fernández e asegurou que “a presenza do BNG en Madrid xa logrou anos atrás o aumento do investimento por parte do Estado no noso país en materias como o tren de alta velocidade, se ben os deputados e deputadas do Bloque volveremos ser garantía para que se volva ter en conta a Galiza, nesta cuestión e en outras moitas”, destacou.

Por outra banda, Bará explicou que o AVE é unha infraestrutura de importancia non só para mellorar o tránsito de persoas, senón tamén “unha ferramenta para acrecentar o tránsito de mercadorías, favorecendo a exportación”. “Deben rematarse os tramos previstos e garantir a posta en marcha do tramo Vigo-Tui e Ferrol-A Coruña”, sinalou, para denunciar que Galiza vai chegar con 30 anos de retraso a unha infraestrutura que o resto do estado ten implantada e mellorada dende hai moito tempo.

Intermodalidade

En canto á construción da nova estación de Urzáiz, Bará destacou que se debe reformular o ‘proxecto Mayne’, que ao seu entender “xa se demostrou fracasado”. O candidato considera que Vigo non precisa outro macrocentro comercial a escasos metros do Príncipe, o que sería unha nova coitelada ao tecido comercial local. Así mesmo, indicou que a necesidade da cidade olívica pasa por unha estación funcional útil e cun servizo intermodal integrando unha estación de bus. “Non é de recibo a duplicidade de estacións que hai agora en Vigo. A existencia das estacións de Urzáiz e Guixar crea confusións nos viaxeiros que teñen que facer conexións entre trens ou que para chegar e marchar van a diferentes lugares. É unha cuestión impresentable”, engadiu.

Bará tamén lembrou a necesidade de que na cidade de Pontevedra se artelle unha solución para facilitar o tránsito de viaxeiros intermodal cunha conexión efectiva entre as estacións do tren e de autobuses da cidade do Lérez, xa que a pesares de estar ubicadas nun lugar próximo, non teñen unha conexión real.