Luís Bará: “No BNG queremos unha cultura viva, participativa, co protagonismo da xente”

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra reuniuse onte con entidades e persoas do ámbito da cultura da zona do Salnés
Publicado por o día 07/09/2016 na sección de BNG,Eleccións Galegas,Vigo

Luís Bará: “No BNG queremos unha cultura viva, participativa, co protagonismo da xente”

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra reuniuse onte con entidades e persoas do ámbito da cultura da zona do Salnés

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas, Luís Bará, subliñou hoxe en Cambados que o BNG aposta por “unha cultura viva e participativa que conte co protagonismo da xente”. Bará asegurou isto nun encontro aberto con representantes do mundo da cultura da comarca do Salnés no que expuxo os modelos de apoio do BNG á creatividade e a súa experiencia na xestión cultural. “Nós queremos xente protagonista e non só espectadora da cultura, queremos garantir a nosa capacidade para producir discurso cultural dende nós mesmos”, asegurou.

Como punto central da súa intervención, Bará indicou que a cultura precisa dun plan de desenvolvemento e promoción integral que contemple todos os ámbitos por parte do Goberno galego. Subliñou que é básico o apoio á creación, ás empresas e a todo o tecido asociativo cultural que hai no país, do que dixo que é “moi vivo, traballa moito e precisa máis apoio oficial”. Tamén destacou que é necesario mellorar as estruturas e os equipamentos, colaborar cos concellos e coas deputacións para dinamizar os circuítos e as programacións, e apoiar os eventos culturais de forma global.

O cabeza de lista nacionalista sinalou que O Salnés está a desenvolver un bo nivel de programación cultural en diferentes ámbitos artísticos como son os festivais ou no audiovisual, entre outros, potenciando a súa promoción. “O Salnés ten boa cantidade de eventos nos que o Goberno galego ten que estar presente con máis forza para apoialos e, sobre todo, promocionalos e darlles unha maior dimensión”, salientou.

O candidato, así mesmo, sinalou que cultura galega é un sector estratéxico polo que hai que apostar para que sexa un maior dinamizador económico e de xeración de emprego no país, xa que a pesares de xerar o 3% do traballo en Galiza “pode chegar a máis”, formando parte das redes e dos circuítos internacionais. “O país é unha potencia. A cultura galega triunfa cando sae fóra, e iso é garantía de que pode chegar a todos os públicos e a todos os continentes e de que pode crear máis emprego e de máis calidade”, insistiu Bará.

Bará lembrou que, a pesares de políticas contrarias aos seus intereses por parte das administracións galega e estatal, foron bastantes as industrias culturais en Pontevedra que “puideron construír proxectos, ter éxito e levar premios, sendo un orgullo para o país” grazas ao apoio institucional do Concello capitalino. “Temos que apostar pola nosa enerxía, creatividade e talento, porque na realidade somos un referente no mundo cultural levando premios e recoñecementos fóra do noso territorio”, salientou.