Luís Bará: “A pesca vai no ADN de Galiza e o BNG é a única forza que a defende en Madrid”

O candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra reuniuse coa cooperativa de armadores de pesca de Vigo (ARVI)
Publicado por o día 23/06/2016 na sección de BNG,Elecciones 26J,Política

Luís Bará: “A pesca vai no ADN de Galiza e o BNG é a única forza que a defende en Madrid”

Avogou por que Galiza planifique e xestione directamente os seus portos

O candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Vigo que “a pesca vai no ADN de Galiza e o BNG é a única forza que a defende os intereses particulares do noso sector en Madrid”. Así o indicou o nacionalista logo do encontro con representantes da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), dos que escoitou as súas reivindicacións e tamén os seus parabéns polo traballo realizado polo BNG durante os últimos anos no Congreso.

Os armadores destacaron que ata o día de hoxe o BNG foi a referencia para influír nas decisións sobre pesca tanto en Madrid como en Bruxelas. “Bótase de menos o labor feito e a posición de defensa do país cunha mensaxe coherente”, subliñaron, xa que os deputados sempre defenderon unha mesma idea e política tanto en Galiza como en outras institucións.

Así mesmo, insistiron que “non é o mesmo falar de pesca aquí que noutro lugar, xa que sen pesca non hai Galiza”.

Pola súa banda, Bará destacou que o BNG seguirá a ser unha canle aberta para o sector no Parlamento, xa que o mar-industria supón máis do 12% do PIB galego e só na comarca de Vigo supón uns 80.000 postos de traballo directos e indirectos. “É fundamental ter en conta o impacto socioeconómico e entender que é preciso manter un equilibrio e que os políticos non se poden poñer de perfil á hora de tomar decisións dicindo o que lles convén en función dos lugares nos que estean”, asegurou. “Quen se non o BNG, unha forza nidiamente galega, vai defender os intereses galegos fronte a outros territorios? Non se pode defender á vez o sector galego e o andaluz. Os seus intereses son diferentes”, asegurou.

Por outra banda, Bará tamén sinalou hoxe en Vigo que é preciso que Galiza planifique e xestione directamente os seus portos para poñelos “ao servizo dos intereses xerais do país”.

Segundo explicou o nacionalista aos representantes da cooperativa de armadores de pesca de Vigo (Arvi), debe haber un novo sistema portuario “baixo titularidade galega que defenda as nosas grandes potencialidades no tránsito marítimo, pesqueiro, comercial e de servizos”.

Bará destacou que o executivo español cobra taxas e impostos pola actividade portuaria galega pero marxina ás instalación do país á hora de investir, comportamento que considera “unha discriminación”; fronte a outros portos do estado. Para corrixir esta situación, o cabezade lista considera necesario que Galicia conte con competencias exclusivas e poña en marcha un sistema portuario público “ao servizo dos interes xerais do noso país” en lugar “de ser un negocio rendible para as arcas do estado”.

O cabeza de lista destacou que Vigo é un dos seis portos galegos declarados de interese xeral que teñen a maior capacidade de transporte e loxística do noso país con importantes beneficios económicos. Subliñou que ao estaren baixo competencia do ente público Puertos del Estado este impón as políticas de investimento e o deseño dos planos estrátexicos, que non se definen en función dos intereses do país, senón subordinadamente a un deseño estatal.

“Somos unha potencia portuaria pero a dependencia española dos grandes portos galegos fai que a facenda galega perda 1.121 millóns de euros de patrimonio neto e activos de 1.561 millóns de euros. Estos son recursos xerados en Galiza pero que non retornan”, explicou Bará, para engadir que a “este saqueo” engádese o feito de que os sucesivos gobernos españois, con independencia de que cor política, nunca apostaron polos portos galegos, xa que Madrid sempre priorizou os investimentos e as dotacións en Barcelona, Valencia, Xixón, Alxeciras, As Palmas ou Bilbao.

“O investimento total que recibiron todos os portos galegos, incluíndo as obras dos portos exteriores, é menos que o destinado á mellora do porto de Xixón. Vemos un exemplo máis de como Galiza só existe para que nos quiten a riqueza que xeramos, pero non para investir”, salientou Bará, que insistiu o BNG demanda a transferencia a Galiza das plenas competencias en sobre os portos galegos de interese xeral e o tránsito marítimo, tanto na súa vertente pesqueira, comercial e de servizos, para potencia un sistema portuario galego orientado ao desenvolvemento económico e produtivo do noso país.

Os portos galegos, como Vigo, ocupan o segundo posto a nivel de Estado no tránsito de mercadorías. No caso do peixe fresco Galiza ocupa o primeiro posto, atinxindo o 46% do total desembarcado, como tamén en peixe conxelado (100%), avituallamentos (48%) e mercadoría xeral (52%).

O candidato instou aos armadores a apoiar BNG-Nós nas eleccións do 26X xa que, segundo dixo, esta formación é a única garantía de que Galiza vai estar representada en Madrid. “As nosas liñas vermellas van ser os intereses dos galegos e galegas fronte ao espectáculo que as forzas estatais deron nos últimos meses no Congreso, onde Galiza estivo ausente, fóra das negociacións do goberno e das políticas do estado”, asegurou, para engadir que a presenza dun só deputado do BNG-Nós ten valor dobre porque pode apoiar un goberno que deixe fóra ao PP e tamén condicionar as políticas do estado en favor dos intereses das galegas e galegos”.