Luís Bará, presenta en Chapela diversas iniciativas a debater no Parlamento

“Denominámolo Plan Chapela, co que apostamos pola mellora da calidade de vida dun entorno que sufre o negativo impacto da ampliación da AP-9”, segundo o deputado do BNG.
Publicado por o día 30/03/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Redondela,Vigo

Luís Bará, presenta en Chapela diversas iniciativas a debater no Parlamento

Foto: arquivo

Na tarde do mércores, o deputado nacionalista presentou a coleitivos parroquiais de Chapela un paquete de medidas que van ser debatidas no Parlamento Galego na vindeira semana. “Trátase dunha Proposición non de Lei que busca poñer en marcha diversas medidas para que o entorno da Avenida de Redondela, sexa recuperado para os veciños e veciñas”, referíuse Luís Bará.

O denominado Plan Chapela, recolle como proposta máis salientábel a eliminación da peaxe en Rande, co que se reduciría o paso diario de miles de vehículos na N-552, avda. De Redondela. “A posta en marcha destas medidas, facilitaría a accesibilidade, a movilidade e que os veciños e veciñas volvan a gañar os espazos públicos, recalca o deputado do BNG.

Para Luís Bará, cómpre presionar agora ás diversas administracións para que o negativo impacto da ampliación da AP-9, poida mitigarse o máis posíbel. Nese sentido apunta, “a nosa proposta de converter en treito urbán esta parte da autoestrada, con reducións nas limitacións de velocidade, a apliación de asfalto antiruído, e a colocación de pantallas acústicas”.

Outras medidas que contempla a iniciativa do BNG recóllese na construcción dun novo colexio de Educación Primaria, e dunha Escola Infantil, na denominada Finca de Ginaria, “no menor tempo posible”.

Nesta presentación participaron membros da comunidade escolar do CEIP Igrexa, da AA.VV., xunto á Plataforma de Afectad@s pola Ampliación, convidándoos a asistir ao debate no Parlamento Galego.

No encontro participou o voceiro municipal, Xoán Carlos González, quen tamén afirmou que xa solicitara unha Comisión de Facenda, para que se creara unha partida económica co fin de poder iniciar a urbanización dos terreos onde se vai construír o novo Colexio.