Luís Bará trasládalle ás ANPAs de Vigo o compromiso firme do BNG para derrogar a LOMCE

O candidato do BNG-Nós mantivo un encontro con responsábeis da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas), na que reiterou a aposta nun “ensino público, galego, laico, universal e de calidade”.
Publicado por o día 01/06/2016 na sección de BNG,Política

Luís Bará trasládalle ás ANPAs de Vigo o compromiso  firme do BNG para derrogar a LOMCE

O cabeza de lista por Pontevedra de BNG-Nós para as eleccións xerais do próximo 26X, Luís Bará, mantivo esta tarde un encontro con responsábeis da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas). A xuntanza decorreu a partir das 18h nas dependencias do Instituto Municipal de Educación. Na mesma Bará estivo acompañado pola candidata nº5, Marta Dacosta, polo responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride e por Xosé Manuel Atanes, membro do Consello local do Bloque.

Luís Bará trasladoulle ás ANPAs de Vigo o compromiso firme do Bloque Nacionalista Galego para derrogar a LOMCE, unha lei que –xulga– ameaza o ensino público ao impoñer un modelo que “exclúe ao alunado máis desfavorecido, incide na recentralización do ensino, ignora a identidade e especifidades do noso país e incorpora nesgos nos contidos recortando nas materias humanísticas”. Para alén do máis, Bará expresoulles ás ANPAs viguesas o rexeitamento do BNG ás revalidas, por supoñer un desprezo á “avaliación continúa e tentar orientar a docencia ao obxectivo cuantitativo das notas”. Neste senso, a candidatura nacionalista manifesta o seu desacordo coa pretensión de crear “rankings” de centros, en troca de apostaren por reforzar a rede de centros públicos dotándoos de máis medios humanos e materiais.

O candidato nacionalista reclamou a transferencia á Xunta de todas as competencias en materia de educación para poder planificar o ensino atendendo a realidade social, económica e cultural propia de Galiza. A respecto do modelo educativo no que aposta o BNG, Bará resumiuno nun “ensino público, galego, laico, universal e de calidade”. Entre as medidas concretas que BNG-Nós promoverán desde o Congreso o candidato referiu a redución progresiva dos concertos cos centros privados e prohibilos no caso dos Bacharelatos, retirar a relixión do currículo escolar , aumentar os orzamentos destinados a educación até atinxir o 7% do PIB, reforzar os servizos complementares de transporte e comedor ou mellorar a atención do alunado con necesidades educativas especiais.

Outras das propostas que a candidatura nacionalista defenderá en Madrid son a redución das ratios de alumnado por aula recuperando o profesorado eliminado, recuperar a gratuídade dos libros de texto e estendela tamén ao material escolar e prestar unha atención especial ás escolas rurais.