Luís Bará:”Temos que darlle valor engadido á economía galega apostando por experiencias punteiras en I+D+I

O candidato de BNG-Nós asegurou no mitin central en Vigo que “Galiza é unha referencia de calidade no sector naval a nivel mundial e ten capacidade propia para saír adiante”
Por o 22/06/2016 | Sección: BNG,Elecciones 26J,Política
Luís Bará:”Temos que darlle valor engadido á economía galega apostando por experiencias punteiras en I+D+I

Ana Pontón apelou “aos que lle queren ao país” para pedir o voto do vindeiro Luís Bará, candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra ao Congreso fixo hoxe unha aposta pola innovación, polo talento, pola creatividade e pola tecnoloxía e investigación de Galiza para impulsar a riqueza e o emprego no país. “Temos que darlle valor engadido á economía galega apostando por experiencias punteiras e polo I+D+i”, salientou durante o mitin central de Vigo, onde estivo acompañado pola portavoz nacional Ana Pontón.

Bará lembrou que na Universidade de Vigo existen moi diversas experiencias e proxectos punteiros. Segundo puxo como exemplo “estamos levando satélites ao espazo en convenios de financiamento con países de todo o mundo”, para engadir que o paso adiante para Galiza chegará cando “dende o goberno do estado teñamos a capacidade de xestionar axudas ao noso I+D+i para poñelas ao servizo dos sectores punteiros e das experiencias innovadoras que lle dean valor engadido e competitividade á economía galega”.

No seu mitin, o nacionalista destacou a necesidade de apostar polo outros recursos da comarca e a ría de Vigo como a construción naval, que está a pasar por un momento de crise “debido ás continuas políticas coercitivas aplicadas tanto dende Bruxelas como dende Madrid”. Segundo sinalou, “hai posibilidades de crecemento porque temos traballadores con experiencia e cualificación profesional. Nós somos unha potencia pesqueira e como tal debemos producir barcos, arranxalos e facelos competitivos… non despezalos como marcan os designios da Unión Europea”, dixo, para engadir que os estaleiros deben tamén diversificar a produción e construción para aumentar esa competitividade necesaria no mercado. “Galiza en xeral é unha referencia de calidade no sector a nivel mundial. Agora os encargos para o sector privado veñen de clientes de todo o planeta, non só do país, e hai que aproveitar esa capacidade propia para saír adiante”, insistiu.

A pesares de facer mención ao sector da automoción, á necesidade de apostar pola especialización dos equipamentos e da transferencia da AP-9, entre outras moitas cuestións, Bará insistiu en que o principal para Galiza “é crer e querer”. Segundo dixo, o primeiro paso para poder desenvolver todas as potencialidades e cubrir as necesidades do país é ter na súa man as ferramentas políticas e financeiras. “Iso só se vai conseguir se en Madrid está o BNG, xa que unicamente somos as forzas galegas 100% as que imos buscar solucións para os nosos problemas”, asegurou.

Bará fixo un discurso, ademais, apelando ás emocións e a sentimento nacionalista. Presentouse ante os vigueses e viguesas que acudiron ao auditorio de A Fundación como un rapaz de Vilaboa, “o neto de Pepa das Laceiras, unha muller sen estudos pero moi sabia” que lle fixo abrir os ollos cunha soa frase: “hai moito pero mal repartido”.

O candidato do BNG apelou “aos que lle queren a Galiza” para pedir o voto o vindeiro 26X e sinalou que no Congreso “debemos defender o respecto para o noso país”. “No BNG imos defender a nosa dignidade e orgullo. Iremos a todas partes para defender esas ideas, valores e sentimentos, e as nosas liñas vermellas van ser as necesidades e intereses dos galegos e as galegas… Non como outras forzas políticas, que fixeron que Galiza estivera muda todos estes meses. Este país precisa que alguén o represente en Madrid e a única garantía de facerse respectar é o BNG”, salientou.

Finalmente, Bará destacou que nun momento no que non haberá maiorías absolutas, o BNG será decisivo para a formación de goberno e para a aplicación de políticas beneficiosas para os intereses de Galiza. “Ata o grupo valenciano puido ser determinante na pasada lexislatura, por que non pode selo Galiza? Temos que ser protagonistas no estado”, asegurou.

Á unica candidatura coas mans libres para negociar é o BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón tamén apelou  hoxe no acto central de Vigo a que “toda a xente que quere a Galiza, o 26 de xuño vote ao BNG”. A nacionalista recalcou que o vindeiro domingo “xogámonos ter unha voz que defende a creación de emprego digno e de calidade, sanear as nosas rías, defender o noso dereito a pescar, que os pequenos comercios non se vexan obrigados a cerrar, que poidamos ter carga de traballo nos nosos estaleiros e que as políticas contra a violencia de xénero non sigan diminuíndo”.

Pontón lembrou que os gobernos de Rajoy e Feijóo aplicaron recortes que deixaron a Galiza “moi tocada” e a miles de familias co medo de non poder pagar os recibos da auga, da luz ou a hipoteca, “basta xa de promesas baleiras” de forzas estatais que só pensan como se van  sentar  no Congreso ou repartir os ministerios.

Nestas eleccións xogámonos que no Congreso sexa defendido o que lle interesa a Galiza e non a Rajoy, Pedro Sánchez ou Pablo Iglesias. “A única candidatura que ten as mans libres para negociar é o BNG, o resto están sometidos á obediencia das forzas estatais”.

Galiza, recalcou a portavoz nacional, “non quere ser o graneiro de votos de forzas que nos traizoan”, polo que o 26 de xuño “temos que dar unha lección e votar por unha forza que estivo sempre defendendo aos mariñeiros do cerco, aos preferentistas enganados polos bancos, cos produtores do leite, loitando contra as ordes de desafiuzamento. Non queremos ver a máis xente na rúa porque non pode pagar a hipoteca, queremos vivir aquí e traballar aquí, non queremos que ninguén nos obrigue a coller as maletas para buscar un posto de traballo fora de Galiza. Os galegos e galegas cando fagamos a maleta que sexa para facer  turismo e non para abandonar o país rico que temos”, dixo.

A portavoz do BNG non escatimou criticas ás forzas estatais que veñen a buscar o voto a Galiza. Forzas que un día son comunistas, ao día seguinte peronistas e agora socialdemocratas, o BNG loita para que os galegos e galegas teñamos futuro e non estar abocados á  precaridade laboral que nos afoga. O BNG quere un ensino público, laico e galego, non quere que só estuden os que teñan máis recursos.

“Eu anímovos o saír o domingo e demostrar que queremos a este país e que non llo imos entregar gratuitamente a ninguén. Nin  aqueles da vella política  que fixeron promesas que se converteron en recortes laborais e sociais nin  aos da nova política que volven a facer promesas  sen contar con Galiza”.

Ana Miranda 

Pola súa parte, a número dous da candidatura BNG-Nós por Pontevedra, Ana Miranda  denunciou que “mentres eles sacaban ás familias das casas, nós presentabamos no Congreso a dación en pago como fixo Olaia Fernández Davila, mentres eles afogaban á xente con impostos, nós pediamos impostos progresivos. Eles gastaron os cartos do pobo en comisións, negocios e saqueos e colocaron a Galiza no 30% da pobreza e exclusión social. Ana Miranda lembrou que na actualidade hai 80.000  persoas desempregadas na comarca de Vigo, guindastres que parecen museos do naval e que durante estes catro anos tivemos unha reforma laboral que lle quitou o traballo á xente e transformou o emprego en precariedade, “non é normal, dixo, que existan contratos por minuto”.

Ana Miranda tamén aludiu  ás 18 mulleres asasinadas e asegurou que “non hai peor cousa que baixar os brazos”. Nós o domingo ergueremos os brazos para botar a Rajoy, os dos  Panamá papers, a Gürtel. “Eles sairán dos Parlamentos escoltados pola policía e nós entraremos coa cabeza alta”.