Luís Villares: “A obriga dun goberno non é facer o que pode, é facer o que debe”

O voceiro de En Marea lamentou que esta sexa a resposta do presidente da Xunta de Galicia para os problemas do noso país
Por o 19/12/2018 | Sección: En Marea,Política
Luís Villares: “A obriga dun goberno non é facer o que pode, é facer o que debe”
Compartir en:

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, so teña unha resposta para todos os problemas do noso país: Facemos o que podemos. Ante isto, lembroulle que “o deber dun goberno non é facer o que pode, é facer o que debe”.

Centrándose na situación da sanidade pública galega, lembrou a dimisión do 80 por cento das xefaturas de Servizo e Unidade de Atención Primaria desta área Sanitaria de Vigo, porque xa non poden máis, fartaron de advertirlle do progresivo deterioro da asistencia sanitaria en Atención Primaria, que chegou a límites insustentables. Así, denuncian a sobrecarga asistencial á que están sometidos comporta o deterioro da atención aos pacientes con repercusión na súa saúde. Denuncian que  a nula previsión da falta de recambio profesional desde hai anos era evidente en especialidades como Medicina de Familia e Pediatría, e a dificultade de acceso á atención hospitalaria dos pacientes. Os profesionais falan tamén das listas de agarda para probas e consultas inaceptables, sen posibilidade de derivación urxente ou preferente, sendo o Servizo de Urxencias Hospitalario a única porta de entrada.

Quéixanse de que os Centros de Atención Primaria non contan desde hai anos con plans estables de reposición de material nin de incorporación de novo aparataxe: a Atención Primaria carece do elemental. A actividade que antes se facía nos hospitais e agora realízase en primaria, non foi acompañada dos recursos necesarios. Denuncian a ausencia de contratos eventuais estables, e as condicións de traballo deplorables para os mozos profesionais na Sanidade Pública. “Eles si, eles fan o que poden, pero xa non poden facer máis” asegurou Villares.

Fronte a esta situación, a primeira reacción desde o goberno galego foi chamarlles esaxerados e mentirosos onte sen embargo tivo que recuar e citalos para negociar a reorganización dos roles dos profesionais, a formación, as axendas ou o control da demanda, puntos claramente insuficientes xa que os problemas de atención primaria só se solucionan mellorando o financiamento e “onte o PP aprobou uns orzamentos que non van permitir esa mellora”.

“A realidade é que o que está a facer o goberno galego é  facer o que pode para recortar na pública e meter na privada. Rouballe máis de dous millóns de euros para regalarllos á privada” denunciou Luís Villares.

“Este é o goberno dos recortes na sanidade pública, da privatización e da desviación de recursos de atención primaria para a sanidade privada. É o goberno do saqueo do público para o beneficio privado. Gobernan para as empresas, non para as persoas enfermas” denunciou Luís Villares asegurando que non o di En Marea senón que son datos oficiais da patronal sanitaria que asegura que no que vai de lexislatura o orzamento para concertos en Galicia incrementouse un 3 por cento superando os 205 millóns de euros.

O beneficio neto empresarial deses concertos son 20 millóns de euros, con eles poderíanse crear 300 prazas de Atención Primaria en toda Galicia. É máis, tal como denuncia a Asociación galega en defensa da Sanidade pública, coa inxección aos seus amigos de POVISA de 5 millóns de euros anuais máis para pagar medicamentos, poñeríanse crear arredor de 81 novas prazas de Atención Primaria na área.

Por iso, asegurou o voceiro de En Marea non quixeron escoitar o que tiñan que dicir as persoas que o PP vetou na Comisión de investigación dos recortes e a privatización como a familia do falecido no PAC da Estrada que denunciou “falta de empatía e comprensión, a falta de humanidade coa que a familia foi tratada polos representantes do PP, que  non foron quen de ter unha soa palabra de apoio pola morte de José Manuel “. Igual que se escoitou do colectivo dos PACs en pé de guerra a necesidade de dotar a sanidade de máis e mellores recursos, nunha expresión ben elocuente: “Non queremos que morra ninguén baixo a nosa responsabilidade, queremos facer o noso traballo. Se nos deixan”, como resumiu Eduardo Díaz.

Luís Villares rematou describindo a atención primaria como faría o persoal sanitario falando dun diagnóstico de fuxidas de médicos contra os contratos lixo e a precariedade laboral, xubilación inminente cun 43,4 por cento dos médicos en activo que en 2017 tiña máis de 55 anos e mesmo un 5 por cento que superaba os 65 anos. Sobrecarga asistencial que provoca esgotamento, falta de fidelización dos profesionais novos á sanidade pública e xubilacións anticipadas. E falla de financiamento cunha porcentaxe de gasto da Atención Primaria en España é un paupérrimo 14 por cento e en Galicia estamos 2 puntos por debaixo nun 12 por cento, cando o recomendable é o 25 por cento.

Ante este diagnóstico, o único tratamento con políticas de dignificación, respecto e recoñecemento do traballo de atención primaria con condicións laborais adecuadas que permitan a conciliación da vida persoal-familiar-laboral, redución da temporalidade e unha carga de traballo razoable que faga posible unha asistencia de calidade. Así mesmo, Villares destacou a necesidade de incrementar o financiamento cun 25 por cento da partida do orzamento sanitario total para Atención Primaria para incrementar a dotación de recursos materiais dos centros de saúde e no referente a recursos humanos, contratos dignos e estables, e unha autonomía de xestión cunha Xerencia de Atención Primaria independiente das Xerencia Hospitalaria.

“Perdeu onte a oportunidade de mellorar o estado de saúde da nosa sanidade, aprobando uns orzamentos que impiden financiar o seu tratamento. Polo menos, non siga quitando das partidas públicas para engordar a privada, como fixo o mes pasado” reclamou Luís Villares ao presidente da Xunta de Galicia na sesión de control ao presidente no Parlamento de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.