Luís Villares afirma que as tres emerxencias que vive a Galicia actual, a feminista, climática e social, son ignoradas por completo nos orzamentos 2020

En Marea presenta unha alternativa orzamentaria para favorecer a chegada da Galicia feminista, ecoloxista e xusta que xa está pedindo paso.
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de En Marea,Política

Luís Villares afirma que as tres emerxencias que vive a Galicia actual, a feminista, climática e social, son ignoradas por completo nos orzamentos 2020

O voceiro de En Marea, Luís Villares, presentou no debate orzamentario unha alternativa social, feminista e ambiental ao orzamento que defende a Xunta de Galicia para o ano 2020.

En Marea leva denunciando que Galicia sofre unha máis que evidente emerxencia ambiental desde a súa entrada no Parlamento Galego, , pero a Xunta de Galicia non considera que isto teña a suficiente relevancia como para actuar desde o goberno, pois “basta con comprobar que cando consideramos todas aquelas partidas destinadas a actuacións contra o cambio climático o gasto destinado a combatelo non chega ao 4,3% do gasto orzamentario total”, subliñou Villares.

Do mesmo xeito, apuntou contra outra das grandes emerxencias que debería atenderse desde o goberno e que semella que a Xunta tampouco considera prioritaria, a emerxencia feminista: “os fondos destinados a protección e apoio das mulleres que sofren violencia de xénero resulta ser das que menos se incrementa”.

Concretamente o aumento soamente é do 1,22%, por debaixo do que medra o conxunto dos orzamentos. Este incremento resulta insignificativo especialmente cando se ten en conta o executado no ano 2018. En dito ano o gasto comprometido foi de 14,6 millóns, mentres que o gasto executado acadou os 6,6 millóns.

O voceiro tamén fixo mención a crise industrial que “preconiza a emerxencia social dun paro insoportable e que funciona como tarxeta de embarque da nova emigración”, non resulta un problema para a Xunta do PP, “que considera que os retos aos que se expón este sector son insuperables e prefire apostar polo máis sinxelo, encomendarse ao santo e agardar que o 25 de xullo caia en domingo”.

A partida dedicada a Desenvolvemento Empresarial cae nun 1,28% mentres se aposta todo por unha “industria” do turismo que crea emprego maiormente estacional e de baixa calidade, moi sometido á conxuntura económica internacional e que ten efectos secundarios no uso especulativo das vivendas que “soben os prezos do aluguer nas cidades e impiden a emancipación da xente moza e que promove o crecemento desordenado e insostible do cemento no castigado litoral de Galicia, increméntase nun 15%”.

Os orzamentos 2020 presentados pola Xunta supoñen a negación da realidade económica e social de Galicia, pois asumen “unha visión derrotista e pesimista do territorio e desatende as emerxencias climática, social e feminista na que estamos inmersos. Pola contra, os orzamentos 2020 fai do Xacobeo 2021 e dos agasallos fiscais aos que máis teñen a solución a calquera mal que teña o pais”.

Non hai crítica sen alternativa, e como tal En Marea defendeu a súa que pasa por escoitar a unha Galicia feminista, ecoloxista e xusta que está pedindo paso pero para deixar paso é preciso que “a política orzamentaria nun país dotado de autonomía política como Galicia, que cre no feminismo como motor da igualdade entre mulleres e homes, que cre na xustiza social como valor que nos impide deixar a ninguén atrás e mirar para outro lado, e que cre na convivencia harmónica co noso medio natural, ten que ser diferente”.

En Marea propón incrementar o gasto en 410 millóns de euros a través dunha revisión da política de ingresos e especialmente dos agasallos fiscais, como expresión da necesaria xustiza fiscal que require unha autonomía galega social que procura o benestar, tratando de facer que aqueles que máis acumulan acheguen máis ao sistema e poidamos facer fronte ás emerxencias que vivimos actualmente en Galicia: “Galicia é unha sociedade feminista, ecoloxista e solidaria, en definitiva, xusta e merece outros orzamentos acorde cos seus valores”.

Villares rematou a súa defensa tildando de insuficiente o incremento do gasto de 250 millóns que realiza a Xunta no Proxecto de Orzamentos 2020 e para iso propuxo: “incrementar dita contía en 226 millóns de euros mais, que será financiada a través dunha revisión da política de ingresos e especialmente dos agasallos fiscais e  que suporá un amento total do gasto de 476 millóns de euros, un 4,2% superior ao ano 2019”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.