Luís Villares: “O apoio de Foro Asturias ao Orzamento do Estado vaino pagar o AVE galego”

O voceiro de En Marea afirmou que o Orzamento do Estado supón “un claro prexuízo” para Galicia e asegurou que “Feijóo entrégase gratis” ao Goberno estatal
Publicado por o día 29/05/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

Luís Villares: “O apoio de Foro Asturias ao Orzamento do Estado vaino pagar o AVE galego”

“Feijóo entrégase gratis ao Goberno do Estado e por iso non negocia mellora algunha para Galicia“. Esta foi a conclusión do voceiro de En Marea, Luís Villares, tras se coñecer o apoio de Foro Asturias aos Orzamentos do Estado para este ano a cambio de que se retrasen as obras do AVE a Galicia hasta un prazo de 3 anos, unha circunstancia que foi cualificada por Villares como incomprensible xa que “acordos con terceiros poidan prexudicar ás decisións estratéxicas en materia de infraestruturas para Galicia”. “O voto de Foro Asturias vaino pagar o AVE galego” denunciou o voceiro de En Marea.

“Cando o Goberno quere negociar, negocia. Unha vez máis queda en evidencia o nulo peso político de Feijóo na política do Estado, actuando coma un mero delegado do Goberno de Madrid, un gobernante manso que da a calada por resposta en cuestións fundamentais para o noso país” salientou Villares.

Outro aspecto importante ao que se referiu o voceiro do foi o acordo con Nova Canarias en relación as cotas de pesca, “unha situación inédita que demostra que cando quere, o Goberno escoita aos pescadores e por tanto cando non atende ás súas demandas é porque non lles interesa escoitar e non que existan impedimentos de carácter técnico ou de calquera outro tipo”. A información coñecida  sobre o acordo de incrementar as cotas de atún vermello para Canarias, cando en Galicia non se pesca, e tendo en conta que se trata dunha especie sensible das que ata agora quedaban fora da negociación por estes supostos criterios estritamente técnicos, significa que en Galicia tamén sería posible unha negociación das cotas.

“Feijóo podería acadar melloras para as distintas artes de pesca e especies como sardiña, xarda ou pescada, e sen embargo nada disto vai suceder” lamentou Villares que preguntou “porque ao Goberno nunca lle convén negociar melloras para Galicia”.

Ante esta situación, o grupo de En Marea pregúntase a quen van servir os votos do Partido Popular en Madrid xa que “o orzamento estatal supón un claro prexuízo para Galicia que van ser validado polos votos do Partido Popular, dese logo non polos deputados e deputadas de En Marea que por suposto votará en contra”.

A moción de Sanxenxo é “unha censura a todos os gobernos que non son coma eles”  

O voceiro de En Marea referiuse tamén na rolda de prensa á moción de censura “anómala” no Concello de Sanxenxo e que considerou supón “unha censura a todos os gobernos que non son coma eles”. Así mesmo chamou a atención sobre o feito de que o pacto recolle promesas de obras de ámbito non municipal o que demostra que “non só está Telmo Martín e o seu grupo municipal senón que ven orquestrada desde arriba, desde Feijóo e Rueda que están detrás apoiando esta operación”.

Villares afirmou que supón ademais a “rehabilitación política dun persoeiro ao que se lle perdoaron multas por parte da Xunta de Galicia en relación a empresa da que era responsable e faise a vista gorda ante súas irregularidades urbanísticas”. “Comprometen os cartos de todos para producir un cambio de Goberno a concelleiros cuestionados pola súa xestión” afirmou Villares que preguntou se “esta é a rexeneración política do Partido Popular”.

Pacto de Estado contra a violencia machista

O voceiro de En Marea, Luís Villares, reiterou a total condena de En Marea aos tres asasinatos machistas que tiveron lugar esta pasada fin de semana reclamando un cambio cultural, educativo e social profundo que leve á toma de conciencia plena de toda a sociedade ante calquera acto de machismo.

Villares fixo unha chamada de atención ante a necesidade de acadar un pacto de Estado non só con medidas orientadas á represión senón carácter preventivo para que se podan crear as condicións para acabar coa violencia machista.