Luís Villares arroupa a constitución de En Marea Pontecaldelas

“Necesitamos artellar por todo o país unha alternativa integral ao goberno de Feijóo”
Publicado por o día 05/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Luís Villares arroupa a constitución de En Marea Pontecaldelas

Esta mañá o voceiro de En Marea Luís Villares trasladouse á vila pontevedresa de Pontecaldelas para arroupar a constitución da marea local, nun acto presentado polo voceiro, Roi Márquez Ricón, e no que tamén estivo presente a voceira de En Marea Marín, Sandra Pesqueira.

Na súa presentación Roi Márquez destacou que En Marea Pontecaldelas nace “aberta a todas as persoas que queiran apostar por unha vida mellor para a cidadanía da vila, coa vocación de ser un espazo de participación activa para cada veciño descontento coa actitude dos partidos convencionais”.

Luís Villares celebrou a constitución deste novo espazo de unidade popular que se suma á onda das mareas municipalistas, “un esforzo cidadán de unidade popular, o esforzo de solidariedade no máis próximo que uniu a xente de todo o país que non quixo permanecer impasible ante o que estaba facendo o PP nas institucións e coa propia veciñanza”. Para o voceiro de En Marea “non pode haber valores éticos nin morais expresados en abstracto se non se ten a solidariedade co máis próximo”.

“Para acadar a hexemonía política e a hexemonía social temos que estar en todos os currunchos e iso significa que toda a xente que queira ser marea se sume á marea”, reivindicou Luís Villares. “Non precisamos un carné para a Marea de Marín nin de Pontecaldelas, porque o que temos en común é a defensa dos mesmos valores e por iso nos identificamos con cada unha das mareas que nacen ao ancho e longo do páis”, sinalou antes de engadir que “moita xente agardaba de En Marea simplemente a protesta, e porén, estanse atopando cunha proposta, porque estamos comprometidos coa xente do noso país en formular unha alternativa integral ao goberno de Núñez Feijóo e facer real o desexo compartido de converter a Galicia nun lugar mellor para vivir”.

Pola súa banda, a voceira de En Marea Marín, Sandra Pesqueira amouse convencida de que “pinga a pinga, marea a marea, estaremos en disposición de crear unha alternativa ás políticas bárbaras do PP e do señor Feijóo” e puxo como exemplo o percorrido da marea de Marín

Do mesmo xeito ca o resto de mareas municipais, En Marea Pontecaldelas funcionará de xeito autónomo con respecto a En Marea e  segundo sinalou o voceiro Roi Márquez, “con vocación de artellar unha candidatura municipalista para as vindeiras eleccións locais de 2019.”