Luís Villares: “O 8M as mulleres vanlle dar unha lección democrática a Feijóo”

O voceiro de En Marea afirma que no Día da Muller “non poden volver repetirse a censura e a represión practicadas polo Goberno do PP contra o dereito a folga”
Publicado por o día 19/02/2019 na sección de En Marea,Política

Luís Villares: “O 8M as mulleres vanlle dar unha lección democrática a Feijóo”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, afirmou hoxe que o próximo 8 de marzo “as mulleres vanlle dar unha lección democrática a Feijóo”, en referencia ás mobilizacións convocadas para esta data pola defensa dos dereitos das mulleres. Na rolda de prensa tras a Xunta de Portavoces do Parlamento, Villares avanzou que os temas que levará En Marea ao próximo pleno serán relativos á igualdade e defendeu que “este 8M non poden volver repetirse a censura e a represión practicadas polo Goberno do PP contra o dereito a folga”, impedindo o exercicio efectivo do mesmo coa imposición de servizos mínimos abusivos e dificultando a asistencia á manifestación. Un “comportamento malicioso” polo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou o Executivo autonómico en reiteradas ocasións, lembrou Villares.

“O primeiro que lle imos preguntar a Feijóo é: Vai seguir abusando da súa posición cun comportamento malicioso impedindo que as mulleres se expresen libremente en defensa dos seus dereitos? Terá que  pedir permiso a Santiago Abascal e a Vox para permitir que as mulleres se manifesten?”, continuou o voceiro de En Marea. “A diferenza das manifestacións ás que vai o presidente da Xunta, esta non será para recortar dereitos, senón para amplialos. Estas son as mobilizacións que defende En Marea. Nós non estamos dispostas e dispostos a pedir permiso a ninguén por reclamar o que lles corresponde ás mulleres, nin á extrema dereita, nin a esa promiscuidade ideolóxica que ten o PP con Ciudadanos e Vox”, asegurou.

Ademais desta pregunta, Luís Villares relatou que En Marea levará varias iniciativas ao Pleno que “amosan o noso compromiso coa igualdade”. A primeira delas será para garantir a igualdade en materia sanitaria, xa que existen doenzas propiamente femininas que están invisibilizadas ou moi lonxe de ter un tratamento equitativo, como a endiometrose. En Marea tamén levará unha proposta para garantir os dereitos sexuais e reprodutivos, xa que “estamos moi preocupados pola volta á caverna medieval, pola involución predemocrática que supón o discurso de Casado, o xefe de Feijóo. Non o imos permitir”, indicou Villares. Do mesmo xeito, tamén se tratará no pleno a educación afectiva e sexual da mocidade galega, a raíz do repunte de delitos de abusos e agresións sexuais, segundo datos coñecidos recentemente. “Debemos redobrar os esforzos pola educación en igualdade para impedir condutas machistas”.

En Marea presentará ademais unha iniciativa con respecto ao ámbito laboral e a atención á dependencia. Segundo explicou Villares, “queremos  garantir os dereitos das traballadoras do fogar, un traballo feminizado, cuxa situación está postergada dentro das relacións laborais”. Do mesmo xeito, a falta de medios en atención á dependencia e de aplicación completa da lei acaba resultando en traballos de coidados non remunerados. Estas situacións teñen como consecuencia a non cotización á Seguridade Social e á hora da xubilación as mulleres perciben pensións mínimas, facendo que aumente a fenda nesta materia.

Por último, Villares expuxo que En Marea achegará outra proposta sobre o tratamento das informacións sobre igualdade que realizan os medios de comunicación, “moitas veces pola forma na que se transmite desde as administracións públicas. Debemos buscar a corrección para impedir que haxa unha sensación de normalidade nos crimes machistas”. O voceiro considerou que estes son “debates que hai que dar xa. O ano pasado o PP non tomou en serio a folga, reprimiuna e despois rexeitou todas as iniciativas dos outros grupos sobre a mesma. Eles avanzan en sentido contrario á igualdade, buscando alianzas cos que negan a existencia do machismo”.