Luís Villares comprometido co uso público e cultural do Castelo de Monterrei

Luís Villares, reuniuse a tarde do xoves coa plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei a quen trasladou o apoio de En Marea
Publicado por o día 27/08/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Ourense

Luís Villares comprometido co uso público e cultural do Castelo de Monterrei

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia por En Marea, Luís Villares, reuniuse a tarde do xoves coa plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei a quen trasladou o apoio de En Marea as súas “xustas reivindicacións”, asumidas tamén por institucións culturais e científicas do noso país. Luís Villares puxo de manifesto o compromiso de En Marea coa recuperación da fortaleza de Monterrei para o seu uso público e cultural, que o PP,coa súa sensibilidade habitual, converteu en parador . Así defendeu a necesidade de dedicar o Castelo a fines culturais e promoción turística de Monterrei tal e como se recollía no seu momento no contrato de cesión asinado pola Xunta de Galicia e o Estado no ano 2010.

“Queremos facer viables as alternativas de carácter económico, social e cultural que este potencial ten para toda a comarca. Por iso tamén apoiamos a súa declaración como conxunto histórico artístico, non só a declaración de ben de interese cultural para a fortaleza senón para todo o conxunto e coherencia con iso darlle a saída cultural, social e económica que merece á cidadanía desta comarca” explicou Luís Villares.

Durante a visita o candidato incidiu tamén nas propostas de En Marea para a comarca de Verín entre as que destacou a aposta polo sector madeireiro onde existe un forte potencial que non está a ser aproveitado. Neste sentido declarou que En Marea apoiará a industria da transformación da madeira na comarca “que non acaba de despegar a pesares do grande número de plantacións”.

Así mesmo, apostou por “apoiar ao sector económico de carácter turístico que ten o concepto de Verín con relación ao norte de Portugal, que está sendo ben aproveitado por Chaves pero desaproveitado polas nosas institucións”. “Queremos que tanto o turismo termal como o resto de potencialidades que ten a Eurorrexión e concretamente a Eurocidade sexan desenvolvidas. É un compromiso no que En Marea estará ata o final para acadar un maior incremento da calidade de vida e das rendas salariais, de carácter económico e social para o conxunto da poboación” declarou Luís Villares.

Foto coa plataforma

IMG_20160825_192805