Luís Villares: “Compromís é un espello no que mirarnos. Foron capaces de transmitir á sociedade que existe outro xeito de facer política”

O voceiro de En Marea e a vicepresidenta da Generalitat, Mónica Oltra, ofreceron un almorzo informativo no que puxeron de manifesto as problemáticas comúns entre Galicia e Valencia
Por o 24/07/2018 | Sección: En Marea,Galicia,Política
Luís Villares: “Compromís é un espello no que mirarnos. Foron capaces de transmitir á sociedade que existe outro xeito de facer política”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a vicepresidenta da Generalitat Valenciana, Mónica Oltra, ofreceron esta mañá un almorzo informativo en Santiago de Compostela como arranque da visita a Galicia por parte de Mónica Oltra. O voceiro de En Marea referiuse a Compromís como “un espello no que mirarnos, porque foron capaces de transmitir á sociedade valenciana que existe outro xeito de facer política e que con moi pouco se pode facer moito e que a transparencia é fundamental en democracia e a xente corresponsabilizase”. Ideas como a rexeneración, o rescate ás persoas fronte o rescate á banca e da administración como servizo público, ou que os servizos públicos teñen que estar para garantir dereitos e non para promover o negocio de catro amigos que están gobernando foron algunhas das liñas destacadas por Luís Villares.

Centrándose na situación de Galicia, Villares lamentou “a falta de modernización da nosa economía lastra o despegue do sector industrial en Vigo e do naval en Ferrol e únese á falta de aposta por sectores estratéxicos como o lácteo”.

O voceiro de En Marea asegurou que hai colectivos que non están organizados, e é importante darlles voz. “É necesario avanzar cara a sistemas sociais que non sexan simplemente asistencialistas, senón que poñan a dignidade en primeiro lugar e supoñan un cambio de paradigma á hora de concibir as políticas sociais” declarou.

En canto á visita de Mónica Oltra, Villares explicou que serán dous días de intercambio de ideas en distintos ámbitos. No día de hoxe ademais de manter unha xuntanza co grupo parlamentario de En Marea, participarán no quinto aniversario do tráxico accidente de Angrois. Villares reiterou a esixencia de En Marea para que se aclare toda a verdade e depurar responsabilidades.

Sobre o Día da Patria, o voceiro de En Marea asegurou que “é un día de celebración para un proxecto que busca poñerse ao servizo das maiorías, a expresión dunha forma diferente de gobernar o público e asegurar que os recursos flúen cara a onde deben: a mellora do benestar da xente.

Luís Villares e Mónica Oltra tamén pusieron sobre a mesa as problemáticas comúns entre Galicia e Valencia. “Non hai datos sobre queima de hectáreas en incendios forestais porque non se contabilizan os menores de 20 hectáreas”, salientou o voceiro de En Marea, que asegurou que tamén existen paralelismos sobre as listas de espera. Quen como lembrou, no caso galego supoñen “a constante derivación dos pacientes á sanidade privada, nunha clave de negocio evidente en detrimento do servizo público e que foi denunciada mesmo polo Consello de Contas.

Os casos de corrupción vinculada ás institucións e a necesidade de desterrar o clientelismo, o enchufismo e outras prácticas pouco transparentes foron outro dos asuntos que Villares e Oltra abordaron. Nesa liña, a vicepresidenta da Generalitat Valenciana repasou o arduo traballo que o seu goberno tivo que facer para dar forma a unha administración eficiente e aberta á cidadanía. Mentres que o voceiro de En Marea lembrou os distintos episodios nos que o Partido Popular de Galicia deixou en evidencia o seu xeito de estar en política: primando os intereses propios e o amiguismo á defensa dos dereitos da cidadanía. “Todos os tópicos que podía haber sobre enchufismo político concorreron no caso da Valedora do Pobo, ratificado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Estas son as políticas que queremos desterrar”, manifestou Villares. Quen tamén lembrou o caso da hepatite C. “Hai dous altos cargos do SERGAS investigados como consecuencia da denegación duns medicamentos para a hepatite C que se saldaron coa morte de 8 persoas e deron lugar a unha investigación por homicidio imprudente. Os medicamentos estaban nas farmacias, pero era máis importante o déficit público que a vida da xente. E iso é algo do que temos que aprender e que non pode volver repetirse”, indicou o voceiro de En Marea.

Mónica Oltra tamén puxo en valor a importancia das políticas sociais e das iniciativas pensadas para mellorar o benestar e o día a día da cidadanía. Un xeito de entender a xestión pública en sintonía co de En Marea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.