Luís Villares denuncia nun almorzo informativo cos medios o desmantelamento dos servizos públicos e a lexitimación da extrema dereita por parte do PP

O Voceiro de En Marea fai un chamamento á responsabilidade das persoas elixidas polas inscritas, a non desestabilizar o espazo e comenzar a falar dos problemas que está a padecer a cidadanía
Por o 10/01/2019 | Sección: En Marea,Política
Luís Villares denuncia nun almorzo informativo cos medios o desmantelamento dos servizos públicos e a lexitimación da extrema dereita por parte do PP

Esta mañá o voceiro de En Marea, Luís Villares, mantivo un almorzo cos xornalistas no café Literarios de Compostela no que falou sobre as liñas de traballo do espazo de cara ás eleccións municipais e europeas e sobre os principais problemas que lle afectan á cidadanía galega: o desmantelamento dos servizos públicos, máis concretamente da Sanidade, e a irrupción da extrema dereita no panorama político no que supón un atentado contra a igualdade e a democracia, e que o PP está a lexitimar ao negociar con VOX.

Un dos grandes problemas que afronta Galicia é o “vergoñento” desmantelamento dos servizos públicos e que no caso da sanidade é aínda máis grave. “Onte vimos de novo como a xente quere outra sanidade pública. Non queremos que Feijóo nos engane, fan falta 6.000 traballadoras na sanidade pública e o goberno só promete 1.400 e unha aplicación web”, denunciou  Villares  facendo referencia á mobilización local de onte en Compostela na defensa dunha sanidade pública de calidade e contra os recortes que se converteu nunha gran mobilización nacional.

“O Partido Popular está a maltratar, en primeiro lugar, á cidadanía coas súas políticas de recortes e privatización, e a xente está farta dos recortes, vímolo onte en Santiago. E, en segundo lugar, maltrata ao persoal sanitario que ten que coller a maleta e emigrar polos contratos lixo e as condicións precarias que impón a Xunta, o que ocasiona unha carga asistencial inaceptable coa súa consecuente perda da calidade asistencial”, incidiu o voceiro de En Marea. Villares pediulle a Feijóo que “se apunte ao bo trato” e contrate a 6.000 profesionais, que aumente o orzamento de sanidade ao 25% ou que dote ao sistema dos medios materiais e humanos necesarios que garantan a calidade asistencial.

O outro gran problema do que falou Villares cos xornalistas é a “inaceptable negociación” do PP coa extrema dereita de VOX, lexitimándoa ao sentarse con eles na mesa e aceptar algunhas das súas reivindicacións. O propio Alfonso Rueda desautorizou onte as palabras de Núñez Feijóo ao afirmar que “non había ningún problema en falar con VOX e tratar de chegar a acordos”.

O PP, engadiu Villares, sentouse na mesa lexitimando a un grupo de extrema dereita que quere rematar coas políticas que fomentan a igualdade entre mulleres e homes, que quere acabar coa protección das mulleres, que trata como gando ás persoas migrantes ou que quere finiquitar as competencias das Comunidades Autónomas. “E o PP dixo esta si, esta non, esa xa veremos… Eu se estou nunha mesa onde acontece isto levántome e dou un portazo”. “É un escándalo e unha vergoña en toda Europa. Un partido que definíase como democrático, está agora a lexitimar á extrema dereita”, dixo.

Villares tamén fixo un chamento á unidade e á responsabilidade dos cargos electos que non aceptaron os resultados que decidiron as persoas inscritas de En Marea, e a non desestabilizar o espazo. “As chamadas á ruptura son unha torpeza que a cidadanía non entendería”, incidiu o voceiro de En Marea antes de insistir en que isto xa forma parte do pasado. “Á xente non lle interesa que falemos de nós, o espazo ten os seus mecanismos para iso, agora temos que falar das políticas e das solucións que temos para os graves problemas do noso país como o desmantelamento dos servizos públicos”, concluíu Luís Villares.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.