Luís Villares: “A desviación do cumprimento dos obxectivos do déficit do Estado estivo causado por fins electorais e agora virán máis recortes”

En Marea traballará de xeito coordinado en todas as institucións para que as Administracións Públicas apoien de xeito decidido o sector lácteo.
Por o 07/10/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
Luís Villares: “A desviación do cumprimento dos obxectivos do déficit do Estado estivo causado por fins electorais e agora virán máis recortes”

O portavoz de En Marea, Luís Villares,  eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra e o membro de Lugonovo e do Grupo de Traballo da Montaña de AGEe Víctor Álvarez ofreceron esta mañá unha rolda de prensa en Lugo para chamar a atención sobre diferentes asuntos que se están a debater e abordar na Unión Europea (UE) e que van afectar de forma directa a todas as galegas e galegos, especialmente ás clases populares e aos sectores produtivos. En concreto, puxeron a énfase no debate sobre a posible conxelación dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos para o Estado español por incumprimento do déficit marcado, o que podería supoñer a perda directa de até 1.300 millóns de euros, e as consecuencias que traería para Galicia directamente.

Luís Villares, que será portavoz e presidente do Grupo Parlamentario en En Marea no Parlamento Galego,  advertiu de que a UE está avanzando cara á redución de dereitos de carácter social. “Temos que avanzar cara ao respectos dos dereitos sociais, non en clave neoliberal”, zanxou. Fronte ás políticas neoliberais en Europa e no Estado español e en Galiza, Villares, asegurou que a partir do día 21, cando comezará o traballo no Pazo do Hórreo, un dos eixos fundamentais e inmediatos do seu labor serán as políticas para as zonas interiores galegas, realizando un “completo traballo coordinado para poder ser efectivos” nos diferentes niveis institucionais. “Temos que ter capacidade para deseñar unha estratexia pública que dote de servizos básicos ao medio rural”, demandou, para denunciar a falta de medios actuais que hai para os sectores produtivos galegos. “Nos últimos anos pecháronse escolas unitarias, centros integrados, servizos sanitarios no rural, etc. De nada vale ofrecer unha esmola se non poñemos en marcha políticas de emprego activas para o medio rural”, dixo. Neste sentido, chamou a avanzar na comarcalización e a facer viable a prestación de servizos básicos en todo o país, e máxime nas gran esquecidas que son sempre as zonas rurais. E aproveitou para chamar a atención unha vez máis sobre o feito de que os recortes que agora nos veñen enriba estaban pendentes de que rematasen os ciclos electorais no Estado español e na Galiza para comezar a aplicarse. “Sabiámolo e así o denunciamos”, dixo, para recriminar que o desvío de déficit se usou para poder gañar as eleccións. Canto ao sector lácteo, Villares avogou por levar a cabo iniciativas que garantan uns prezos dignos e que nunca se pague por debaixo dos custos de produción ás labregas e labregos, porque iso é a “ruína do sector gandeiro”. “A partir do día 21, traballaremos no Parlamento Galego para que iso mude”, dixo, despois de acusar ao PP de incumprir todas as súas promesas nestes anos de aumento das rendas agrarias.

Pola súa banda, Lidia Senra afirmou que conxélense ou non os citados Fondos, as que sairán perdendo serán as clases populares. “Se se conxelan, afectará directamente a programas que son cruciais para o noso país, e se non se conxelan estes Fondos finalmente, será porque o Goberno do Estado español presentará antes do día 15 deste mes un programa de recortes tal e como lle esixe a UE, que suporá un axuste de orzamento de 15.000 millóns de euros até o 2018”, defendeu. “Isto parécenos unha chantaxe en toda regra, non ten outro nome, e ademais é unha medida totalmente arbitraria”, dixo, para explicar que, por exemplo, Francia ten incumprido varias veces o obxectivo de déficit, e tamén Alemaña, e nunca foron sancionadas. “Sen embargo, con Grecia si o fixeron e agora a UE vai a polo Estado español e portugués, o que non podemos consentir”, asegurou. “Ten que haber unha batalla importante na sociedade, temos que esixirlle ao Goberno do Estado español que explique claramente en que vai recortar para cumprir coa UE, son moitos cartos dos que estamos falando”, engadiu, para facer un chamamento a manter unha postura de contundente de oposición.

“Aquí na Galiza, case o 75% dos ingresos que ten hoxe unha explotación de carne ou de leite proveñen dos fondos comunitarios. Polo tanto, a definición de produtor activo é moi importante para nós”, completou Víctor Álvarez, para deixar claro que todas estas reformas “que se están abordando aló tan lonxe, en Bruxelas, e das que a maioría da poboación non é consciente, son moi transcendentes para nós”. Por todos estes motivos, este venres pola tarde, en Lugo, celebrarase unha reunión do Grupo de traballo da Montaña de AGEe, para trazar medidas a seguir tanto no Parlamento Europeo como no Galego na defensa do medio rural. “Para nós a montaña é vital, fronte á política do PP que a ten totalmente esquecida como vimos na última campaña electoral, na que non fixeron nin unha soa mención á problemática das zonas de montaña galegas”, denunciou.