Luís Villares empraza a Feijóo no Parlamento a que explique a súa opinión sobre o pacto andaluz

O voceiro de En Marea considera que é necesario non apoiar pactos que van en contra dos valores manifestados no propio Parlamento de Galicia
Publicado por o día 29/01/2019 na sección de En Marea,Política

Luís Villares empraza a Feijóo no Parlamento a que explique a súa opinión sobre o pacto andaluz

O voceiro de En Marea, Luís Villares, interpelou ao Goberno galego en relación os acordos do seu partido “con organizacións que cuestionan o autogoberno, atacan os dereitos e liberdades das mulleres, apuntan contra dereitos humanos fundamentais e cuestionan principios fundamentais da convivencia”. Logo da celebración das eleccións andaluzas do pasado mes de decembro, o voceiro de En Marea asegurou que España asitiu a un proceso de negociación para conformar o novo goberno andaluz, que supón o inicio da quebra dos piares democráticos do Estado, que axiña foi parabenizado polo Vicepresidente da Xunta, Elena Muñoz e finalmente santificado polo Presidente da Xunta ANF.

“A configuración histórica da dereita no noso país, froito dun continuísmo cultural con respecto á dereita franquista, ten asentado unha praxe política moi afastada dunha dereita democrática, republicana, laica e valedora dos dereitos civís, propia da europea” declarou Villares.

“É esta herdanza franquista, acompañada da idea da ‘maioría natural’ de Manuel Fraga, a que vai permitir que durante case catro décadas no PP convivan diferentes correntes ideolóxicas unidas arredor dos resortes de poder autonómico e provinciais. O xurdimento, primeiro de Cs, e posteriormente de Vox introduce un factor de recomposición da dereita española á que Galicia non vai ser allea e na que Núñez Feijóo, en tanto en canto presidente de Galicia non pode seguir poñéndose de perfil” defendeu o voceiro de En Marea.

Luís Villares lembrou a recuperación para o PP e a Xunta en 1989 con Manuel Fraga o ideario autonomista sustentado sobre dous elementos pivotantes, o primeiro unha lectura rexionalista dun galeguismo cultural que entronca con Alfredo Brañas e por outro a idea da administración única nun modelo de concepción administrativa da descentralización constitucional española.
O modelo desarrollista do goberno Fraga atopou na consellería de Ordenación do Territorio dirixida por Xosé Cuiña un elemento central e a súa vez este, desde a secretaria xeral do PP, afondou nun linguaxe neogaleguista que tivo a súa máxima expresión cando no congreso do PdeG en abril de 1991, defendeu un partido “nacionalista ben entendido no límite da ‘fronteira da autodeterminación’. Coa chegada de Núñez Feijoo á presidencia do PP ese carácter simbólico desmantelase peza a peza no ideario do partido e desde o seu papel como líder da oposición impide que o parlamento galego aborde a iniciativa de reforma estatutaria lanzada desde o bipartito PSdG-BNG, nun momento no que outras comunidades autónomas abordaban reformas estatutarias con estatutos de segunda xeración en novos dereitos e maiores elementos definitorios no seu autogoberno.

A consecuencia desta primeira traizon de Núñez Feijoo a Galicia, o noso país ten perdido a día de hoxe unha oportunidade de manterse no grupo de cabeza das autonomías con maior grado de autogoberno xunto coa perda simbólica de pertencer ao grupo central para unha vertebración política plural do estado, ademais de formar parte do grupo de CCAA con cartas de dereitos sociais que naturalizasen, ampliasen e reforzasen dereitos que a cidadanía reclamaba das súas institucións de autogoberno, fose en materia de vivenda, educación, sanidade ou prestacións sociais.

Villares fixo referencia tamén as declaracións de Feijóo nas que en máis dunha ocasión ten afirmado que foi votante de Felipe González nas eleccións xerais de 1982, situándose dese modo como unha persoa da maioría que aspiraba a unha modernización de España. Do mesmo modo en diferentes debates no marco das diferentes correntes do PP sempre se ten sinalado a si mesmo entre as correntes máis liberais e centristas. “Esa imaxe modernizadora, moderada e mesmo progresista que Núñez Feijoo vende de si mesmo non ten nada que ver coa súa política de recortes, privatización de servizos básicos e amiguismo coa que ten actuado durante o seu tempo de Presidente” asegurou Villares que engadiu que “a súa capacidade de  trilero funcionou namentres a dereita actuaba baixo un único partido e mantiña un goberno ‘amigo’ en Madrid”.

“Co xurdimento dun partido centrista liberal, Ciudadanos, a dificultade para manter ese discurso modernizador complícase. Co nacemento de Vox a capacidade de travestismo discursivo de Núñez Feijoo faise imposible” afirmou Villares.

En relación aos acordos en Andalucía, Villares sinalou que “cando negociamos con alguén, lexitimámolo como interlocutor e recoñecementos os seus valores”. Neste sentido defendeu que “non se pode negociar con forzas que poñan en discusión os mínimos consensos democráticos e fagan bandeira do machismo e a xenofobia ou a falta de respecto pola diversidade sexual”. “O documento presentado pola ultra dereita  para a negociación co PP coloca a esta organización e a aquelas que negocien ou pacten con ela fóra do respecto aos valores democráticos” afirmou.

O voceiro de En Marea asegurou que non se poden poñer en cuestión avances democráticos de enorme calado como a loita pola igualdade e contra a violencia machista. “Non poden conformar estas premisas ningunha mesa de negociación, cómpre elaborar cordóns sanitarios que preserven a nosa democracia” incidiu.

Pero non só está en xogo a igualdade xa que “os socios da banda da dereita extrema do tridente reaccionario propoñen eliminar a memoria histórica, impiden a educación sexual e privatizan a educación e a sanidade”.

En Marea defende que o debate sobre a democracia e os dereitos fundamentais non compromete a sociedade andaluza, senón que “compromete a todo o PP, cuestiona o compromiso democrático deste partido en Europa e bota polo chan os esforzos realizados a nivel europeo para illar politicamente a extrema dereita no noso Continente”.

A forma de defensa fronte ao virus do totalitarismo e da perda de dereitos, dende hai máis de 15 anos no continente ten sido o establecemento de métodos profilácticos do punto de vista político e social, mediante o establecemento de cordóns sanitarios onde o bloque democrático acorda descontar a minoría non democrática á hora de establecer acordos de goberno.

“Esta práctica, seguida ata agora en Europa por formacións de toda ideoloxía democrática quebra de forma significativa por vez primeira da man do Partido Popular”. Villares alertou así mesmo que “un PP que decide formar un trío baseado na promiscuidade ideolóxica coa extrema dereita, co autoritarismo, acaba contaxiado por un virus que se acabará estendendo por todo o partido e chegando ao noso País”.

Finalmente, a extrema dereita formulou un escenario de supresión das Comunidades autónomas, forma de expresión política do autogoberno nacional de Galicia algo que non é recoñecido nin amparada pola cidadanía galega.

“O tempo da ambigüidade de Núñez Feijóo vai rematando. Como líder do PPdG pode incorrer nas contradicións políticas que considere e o electorado lle permita, pero como Presidente de Galicia non pode estar a xogar na ambigüidade”. Por este motivo, En Marea formulou unha interpelación ao Goberno para coñecer que valoración fai o goberno de  acordos e negociacións, con organizacións que cuestionan o autogoberno, atacan os dereitos e liberdades das mulleres, apuntan contra dereitos humanos fundamentais e cuestionan principios fundamentais da convivencia.

En Marea emprazou así mesmo ao Goberno galego a un acordo político, que máis aló das lexitimas diferenzas, que se sustente nun compromiso de blindaxe institucional das nosas institucións de autogoberno, das liberdades, dos dereitos da muller e da convivencia que supoñan un compromiso claro para todas as forzas políticas democráticas.