Luís Villares: “Feijóo é un bo subordinado pero un mal presidente que esquece a necesidade de completar as infraestruturas ferroviarias galegas”

En Marea anuncia que volverá a solicitar a comisión de investigación de Angrois trala negativa do PP a constituíla argumentando que “non é un tema novo”.
Publicado por o día 31/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Luís Villares: “Feijóo é un bo subordinado pero un mal presidente que esquece a necesidade de completar as infraestruturas ferroviarias galegas”

“Que vai facer Feijóo a Madrid? Pois seguramente vai a recibir instrucións, do mesmo xeito que cando o ministro veu aquí”, sinalou Luís Villares en alusión á reunión desta mañá en Madrid entre o presidente da Xunta co Ministro de Fomento Íñigo de la Serna.

O líder de En Marea dixo que “Feijóo é un bo mandado pero en un mal presidente porque non se pode admitir que se vulnere unha posición de país como a que existe en relación á necesidade de completar as infraestruturas de carácter ferroviario e se acepten humillacións coma a que veu facer o Ministro de Fomento o mes pasado a Compostela , que agora completa Feijóo en Madrid actuando como subordinado do Partido Popular”.

Investigación de Angrois

O portavoz do grupo parlamentario En Marea tamén sancionou duramente a negativa do PP a trasladar á Cámara Galega unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, co argumento de que “non era nada novo”. “Rexeitamos este argumento por tres razóns: hai feitos novos que xustifican que o que xa foi negado noutras ocasions neste momento poida ter un resultado positivo, hai unha declaración institucional a nivel europeo de insuficiencia do traballo de investigación realizado ata agora e porque como país non podemos renunciar a coñecer a verdade sobre o que pasa no noso territorio”, sinalou Villares, que advirte que En Marea volverá trasladar a petición á Cámara e non cesarán no empeño de que as vítimas e a sociedade en xeral coñezan toda a verdade.

Iniciativas de En Marea

Na rolda de prensa trala Xunta de Portavoces Luís Villares citou outras iniciativas de relevancia que trasladará ó Pleno da vindeira semana, como é a situación do amianto e a súa retirada nos centros educativos de Galicia, o emprego público, a mellora das axudas á contratación entre os beneficiarios da RISGA e a precariedade laboral no servizo de prevención de incendios. Ademais dunha interpelación en materia de pobreza enerxética e dúas mocións sobre o sector lácteo e a violencia machista na escola.

Villares tamén anunciou que a pregunta ó presidente da Xunta será sobre os accesos ferroviarios á provincia de Ourense.