Luís Villares: “Feijóo debe facer valer o acordo unánime sobre a transferencia da AP9″

Publicado por o día 05/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Luís Villares: “Feijóo debe facer valer o acordo unánime sobre a transferencia da AP9″

Para En Marea a decisión da Xunta e de Fomento de adiar indefinidamente a transferencia da AP9, substituíndoa por unha comisión de supervisión, é “un signo de debilidade politica de Feijóo con respecto a Rajoy”. Así o expresou Luís Villares, para quen “o feito de que Feijóo sexa incapaz de facer valer o acordo político do Parlamento de Galicia e da posición unánime do seu país e de comportarse como un verdadeiro presidente de Galicia di bastante pouco del e vai ter que dar moitas explicacións á cidadanía deste país”.

Para o voceiro de En Marea estase xerando unha situación discriminatoria con respecto a outras autoestradas do País Vasco e Cataluña que si foron tranferidas e é por iso polo que lle pide a Feijóo que empece a exercer de Presidente da Xunta e deixer de ser unha especie de “Delegado do Goberno en Galicia”.

Con respecto ó AVE, Luís Villares asegurou que “dado que Feijóo non vai lograr o compromiso de rematar coas obras no ano 2018, calquera cousa da reunión parécenos superflua” e adiantou que “o que queremos é que se concluán as obras sen dilación e sen ningún tipo de excusa, sen máis retrasos dos que levamos acumulados historicamente”.

Para En Marea é unha prioriade que se artelle un sistema de ferrocarril para Galicia, “pois levamos denunciando nas últimas semanas a Xunta e o Estado abandonaron as frecuencias horarias no Eixo Atlántico, o tren de proximidade A Coruña-Ferrol, a comunicación por FEVE coa Mariña luguesa e as liñas A Coruña-Lugo e Lugo-Ourense. O que demostra, segundo o portavoz de En Marea unha “falta de sentido de país, pois mentres a media estatal de electrificación é do 72%, en Galicia esa cifra situase no 44%, perpetuando unha débeda histórica que nunca foi solventada polas políticas públicas”.

O pago da débeda, “a terceira consellería”

Preguntado polos Orzamentos presentados pola Xunta para 2017, Luís Villares destacou o feito que malia que as previsións de crecemento para ese ano sitúannos ó nivel de 2009, o destinado a gasto social, políticas de emprego e economía produtiva é un 25% menor. “Pola contra, a día de hoxe o pago da débeda é a terceira consellería da Xunta de Galicia”, denunciou o voceiro de En Marea en referencia ó 16.9% do total de orzamento que se destina a este capítulo.

Para En Marea detrás destes Orzamentos está a “ideoloxía neoliberal que incapacita ós organismos públicos para intervir na corrección das desigualdades e en garantir a xustiza social e que a xente se teña que buscar a vida prescindindo das administracións”.

Día da Constitución: nada que celebrar

O voceiro de En Marea, Luís Villares tamén anunciou a decisión de En Marea de non participar nos actos oficiais de celebración con motivo do Día da Constitución, ó considerar que se dá unha “sacralización interesada polos partidos do bipartidismo”.

Para En Marea é imprescindible unha reformulación profunda do modelo constitucional para blindar dereitos sociais coma o acceso á vivenda, encaixar o dereito a decidir das nacións que compoñen o Estado español e a supresión da provincia como unidade administrativa e política.