Luís Villares, nos Almorzos On/Off da Coruña

Este xoves 1 de xuño
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de Eventos

Luís Villares, nos Almorzos On/Off da Coruña

Os Almorzos On/Off regresan á demarcación da Coruña este xoves 1 de xuño coa visita de Luís Villares, portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia. O almorzo celebrarase partir das 9:45 na Fundación Rodríguez Iglesias da Coruña (Rúa Cordelería, 32. Edificio Hércules).

A demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organiza este acto que dará comezo ás 9:45 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 10:30. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.

Por motivos de organización, para poder asistir ao ‘OFF’ para colexiados é imprescindible inscribirse enviando un mail a [email protected] ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Luís Villares

Luís Villares Naveiras naceu en Lugo en 1978 e licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Xuíz de carreira dende o ano 2005, exerceu na Fonsagrada, como maxistrado do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional, como xuíz titular no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco , no Xulgado Contencioso-Administrativo de Lugo e na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Foi coordinador en Galicia da asociación Xuíces para a Democracia e é membro fundador da Irmandade Xurídica Galega.

No 2016 foi escollido en primarias como candidato á presidencia de Galicia nas eleccións autonómicas por parte do partido En Marea. Desde o 21 de outubro dese ano, é deputado autonómico no Parlamento de Galicia e exerce a portavocía do grupo parlamentario de En Marea.

Almorzos ON/OFF

Os ‘Almorzos On/Off’ lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.