Luís Villares a Núñez Feijóo: “Cre que pode ocultar a súa ineficacia e incapacidade como presidente con campañas de propaganda pagadas con cartos públicos?”

O voceiro de En Marea pediu explicacións ao presidente da Xunta pola campaña pagada nos medios para anunciar unha trama incendiaria durante a vaga de lumes que finalmente foi desmentida pola Fiscalía
Publicado por o día 21/02/2018 na sección de En Marea,Política

Luís Villares a Núñez Feijóo: “Cre que pode ocultar a súa ineficacia e incapacidade como presidente con campañas de propaganda pagadas con cartos públicos?”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, preguntou na sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia desta mañá no Parlamento pola campaña de propaganda pagada con cartos públicos nos medios de comunicación para ocultar a súa ineficacia e incapacidade de xestión, entre outras cuestións da vaga de lumes vivida en Galicia o pasado outubro. Despois de se coñecer que a Fiscalía negou a trama incendiaria defendida e repetida polo Goberno da Xunta de Galicia, Villares considerou necesario que o presidente Núñez Feijóo dera explicacións na Cámara galega e o gasto de 80.000 euros nunha campaña institucional en medios anunciando “a bombo e platillo” a existencia de terrorismos incendiarios. “Ten vostede unha boa oportunidade de dar conta dos seus propios enganos e os do seu goberno” interpelou o voceiro de En Marea referíndose ao presidente da Xunta.

“Foron incapaces de xestionar unha catástrofe e pensaron que era máis doado xestionar a opinión pública. Ocultaron a información, empregando a TVG con programas de todo tipo pero nin unha palabra dos incendios. Crearon un inimigo exterior e común pero a fiscalía desmentiu” asegurou Villares. Unha trama que asegurou non foi en realidade “unha tramolla de propaganda para ocultar a súa ineficacia e incapacidade tanto para xestionar a vaga de lumes, como os recursos e protexer á cidadanía”. “Decepcionaron a todos os niveis” afirmou.

“Cre vostede que con propaganda pode ocultar a súa ineficacia como presidente?” preguntoulle Luís Villares ao presidente da Xunta. Ao mesmo tempo acusouno de “xogar coa dor das vítimas” aportando datos para xustificar esta acusación. Así referiuse ás indemnizacións marcadas no Boletín Oficial do Estado que marcan 250.000 euros en caso de falecemento para vítimas de terrorismo mentres que a Xunta de Galicia rebaixou a 75.000 esta contía publicada no Diario Oficial de Galicia, pese a dicir o presidente galego que serían tratadas como vítimas de terrorismo incendiario. Afirmación que ratificou na sesión de control do día de hoxe, pero que non pasa de ser unha vez máis propaganda. “Cando adquire un compromiso, non pode mentir e enganar. Non pode mentir e xogar con toda a sociedade galega” incidiu.

Ao PP interésalle que a Xustiza non funcione ben

“Foi a Xustiza quen lle sacou as cores e desmentiu a súa tramolla e por iso tamén non lles interesa que funcione ben. Onte mesmo foi suspendido un xuízo ao alcalde de Barreiros acusado de corrupción. Era o que querían vostedes, o colapso da xudicial para que non se xulgue a corrupción do PP” asegurou Luís Villares.

O voceiro de En Marea esixiu unha vez máis ao presidente da Xunta de Galicia e o Goberno galego que acepten as reivindicacións das traballadoras e traballadores da administración da Xustiza tal e que foron aprobadas por unanimidade o Parlamento de Galicia.

Luís Villares pediu así mesmo ao presidente da Xunta de Galicia que explique porque se subiu o salario un 7 por cento mentres mantén os recortes salariais e de dereitos laborais ás traballadoras e traballadores da función pública no noso país. “Porque para os traballadores sacrificios e para o Goberno beneficios?” concluíu Villares.