Luís Villares: “O maltrato sanitario da Xunta obecede a unha intención de facer negocio cos recursos públicos que deberían destinar á saúde da xente”

O voceiro de En Marea preguntou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polo continuado recorte de dereitos por parte do seu goberno asegurando que “son campións do maltrato as liberdades públicas”
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de En Marea,Política

Luís Villares: “O maltrato sanitario da Xunta obecede a unha intención de facer negocio cos recursos públicos que deberían destinar á saúde da xente”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, centrou a súa pregunta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control no Parlamento de Galicia nos recortes continuados de dereitos por parte do seu goberno.
Na súa intervención Villares fixo referencia as distintas mobilizacións en defensa da atención primaria que sacaron á rúa 80.000 persoas en Vigo, 10.000 en Compostela e infinidade de concentracións por todo o país denunciando a ausencia de pediatras e a falla de persoal sanitario.

“Despois de negar o problema durante anos, a xunta comezou a rectificar recoñecendo que si existe un problema, aínda que se se nega a escoitar a profesionais e pacientes na procura dunha solución” lamentou Villares quen sinalou que a razón pola que continúan as mobilizacións non é outra que a continuidade dos seus recortes en sanidade. O voceiro de En Marea insistiu en denunciar a situación de maltrato sanitario imposto polo PP en Galicia que asegurou “non é casual nin torpe” e “obedece a unha intención de facer negocio cos recursos públicos que deberían ser destinados á saúde da xente”. “Recortar deteriora o servizo público e expulsa á privada. Privatizar é un roubo de recursos públicos para que as empresas privadas obteñan beneficio dun diñeiro que debera ser de todos” engadiu.


Estes recortes en sanidade como afirmou Luís Villares ven acompañado do recorte de dereitos de libre expresión e “por iso se suceden as condenas á xunta por vulneración do dereito de folga no ámbito sanitario”.

“De pouco vale a este goberno disfrazarse de centrista e liberal cando os seus actos o revelan como malicioso e amordazador de liberdades públicas. Será por iso que lle custou tan pouco parabenizar o tridente reaccionario que asoma por Sevilla,  no que brillan unhas púas que pinchan as liberdades públicas, os dereitos das mulleres, o autogoberno e con iso a democracia” declarou Luís Villares.

O voceiro de En Marea denunciou o intento por parte do Goberno galego de reprimir, impedir e facer invisibles as críticas da cidadanía ás súas políticas e por este motivo impoñen uns servizos mínimos abusivos. “A conducta da Xunta é maliciosa” sentenciou Villares explicando que “non é unha empresa de En Marea, senón do Tribunal Superior de Xustiza d Galicia que nunha recente sentenza os acusa de comportamento malicioso por xerar un retraso inxustificado na fixación de servizos mínimos para que os traballadores e traballadoras non puidesen recorrelo”. “Son vostedes campións do maltrato ás liberdades públicas con condenas en firme en persoal do 061, de atención telefónica 061, persoal sanitario do CHUOU ou pola Folga 8M”. “Debe dar explicacións por este recorte de liberdades, por este maltrato á liberdade de expresión do seu goberno” esixiu o voceiro de En Marea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.