Luís Villares: “O PP está a pagar con mordaza o casting de Feijóo na carreira sucesoria de Madrid”

O voceiro de En Marea acusou ao presidente da Cámara galega de estar a cortar a liberdade de expresión dos deputadas e deputadas co único obxectivo de ocultar a realidade, que o PP foi condenado por corrupción.
Por o 12/06/2018 | Sección: En Marea,Galicia,Política
Luís Villares: “O PP está a pagar con mordaza o casting de Feijóo na carreira sucesoria de Madrid”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, criticou que “o PP estea a pagar con mordaza o casting de Feijóo na carreira sucesoria de Madrid” en relación a polémica pola decisión de prohibir determinadas expresións por parte do presidente da Cámara na anterior sesión plenaria. “Pedimos o informe que servía a Santalices para cortar a liberdade de expresión dos deputados e deputadas e non tivemos sorte. Non se poden proclamar as verdades como que o PP foi condenado por corrupción, pero a realidade a temos coa sentenza da Gürtel, esta semana con Valencia, e seguiremos sabendo con certezas xudiciais o que eran verdades ben documentadas” salientou Villares. “Pódese dicir no Parlamento español pero non no galego. As maiorías absolutas do PP empréganse para amordazar” engadiu.

O que solicitara o grupo parlamentario de En Marea o informe do 4 de xuño realizado polos servizos técnicos da Cámara e o que se entregou foi unha serie de notas aclaratorias sobre dito informe. “Se non teñen nada que ocultar porque non o presentan?” preguntou Villares quen sinalou que tal vez o que se queres agochar é a pregunta realizada por Santalices xa que seguramente deixaría en evidencia a súa intención partidaria.

“O Parlamento de Galicia non vai ser un día máis o escaparate de Feijóo. Non imos colaborar en ocultar verdades e se nos botan por dicir a verdade estaremos ben na rúa” concluíu o voceiro de En Marea.

Na rolda posterior á xunta de voceiros, Luís Villares informou así mesmo da queixa formulada polo seu grupo sobre o xeito de dirixir os plenos da Cámara galega denunciando que “non se pode falar mal de ninguén do PP e menos dos amigos do presidente Santalices como Baltar”. “Estamos ante unha situación inaudita, un abuso intolerable do cargo por parte do presidente do Parlamento” asegurou. Pero “hixiene e rexeneración democrática” o grupo de En Marea como anunciou o seu voceiro continuará a facer a política que considera se debe facer, á da ética e loita contra a indecencia.

Centrándose xa nos temas que o grupo de En Marea levará a pleno do Parlamento de Galicia destacou a presentación dunha proposición de Lei para a equiparación dos permisos de paternidade e maternidade xa que a corresponsabilidade ten que ser desde o primeiro día.

Tras a mobilización histórica contra a mina de Touro-O Pino, o grupo de En Marea preguntará ao presidente da Xunta na sesión de control polo “testamento negro que quere deixar para Galicia cunha herdanza de augas envelenadas”. “Paro, corrupción e augas envelenadas é a herdanza de Feijóo. Preferimos a desherdanza” afirmou o voceiro. Neste sentido pediuse tamén a comparacencia da conselleira Beatriz Mato pero foi bloqueada polo grupo popular.

En relación a mobilización contra a mina de Touro, o voceiro denunciou o que considerou un tratamento impropio dun estado democrático referíndose á cobertura dada nos medios de comunicación públicos e polo que rexistrou unha pregunta urxente ao respecto.

En materia de loita contra a corrupción e transparencia, o grupo pedirá a creación do Observatorio da transparencia no acceso e na xestión das institucións investigadoras e universitarias.

En Marea levará á Cámara a iniciativa lexislativa popular para creación dun parque de bombeiros no baixo Miño que o grupo asume como propia e na que o volume poboacional e a vaga de lumes acontecida no mes de outubro deixan en evidencia a necesidade de creación deste parque que debe ser de xestión integramente pública.

En Marea proporá tamén a supresión como razóns declarables, as axuda da PAC dos pastos arbustivos e arboredo. “O único xeito de controlar o mato baixo é con desbrozadoras con dentes” matizou Villares. O grupo preguntará tamén polo retraso na aprobación das directrices da paisaxe pese a estar comprometidas, un retraso que para En Marea debe vir pola intención do PP de continuar a “facer as falcatruadas urbanísticas deste decrépito goberno de Feijóo”.

No pleno presentarase tamén unha moción na que se volve a pedir a carta de encargo da auditora das caixas e os informes dos técnicos de Facenda que supostamente avalaban a operación. “Collemos a Feijóo en moitas mentiras, tamén na fusión das caixas” afirmou.

INDECENCIA MORAL DO PP

O voceiro de En Marea aproveitou a comparecencia ante os medios de comunicación para aplaudir a acollida das persoas refuxiadas do barco Aquarius por parte do Goberno do PSOE e lamentou a “indecencia moral de rescatar a case 700 persoas en risco de morte”. Neste sentido lembrou tamén a disposición desde o inicio dos “gobernos do cambio” a acoller refuxiados “Estamos ante a indecencia moral dun PP que non ten en conta que estamos a falar de vidas humanas. Se esta é a política que algúns practican están moi ben na opinión” concluíu Villares.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.