Luís Villares: “O protocolo da vergoña sobre os usos do porto da Coruña retrata ap PP como o partido da especulación inmobiliaria, o pelotazo urbanístico e o desprezo á vontade cidadá”

Publicado por o día 10/05/2018 na sección de En Marea,Política

Luís Villares: “O protocolo da vergoña sobre os usos do porto da Coruña retrata ap PP como o partido da especulación inmobiliaria, o pelotazo urbanístico e o desprezo á vontade cidadá”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou que o presidente da Xunta e Galicia, optase polo sectarismo, especulación e intereses de partido firmando o “protocolo da vergoña” con Fomento e Autoridade Portuaria sobre os usos dos terreos portuarios da Coruña. Para o grupo parlamentario o PP vólvese a retratar como o partido da especulación inmobiliaria, do pelotazo urbanístico e do desprezo á vontade cidadá.

Luís Villares asegurou que estamos ante unha oportunidade histórica para decidir o futuro da cidade da Coruña que pasa polos terreos portuarios xa que “do seu uso e transformación dependerá a forma de construírse a cidade, de se abrir definitivamente ao mar todos os seus costados, e de abrirse á cidadanía mediante usos compatibles co desfrute común duns terreos que sempre foron da cidade”.

O voceiro de En Marea referiuse aos convenios asinado en 2004, un absoluto pelotazo urbanístico asinados entre Concello, Xunta e Ministerio e que abrían a venda de terreos da fachada marítima cunha finalidade especulativa. “Estas pretensións son insostibles a día de hoxe desde o punto de vista da ordenación do territorio, do urbanismo e da economía xa que ocasionarían un deterioro irreversible do litoral da cidade, privando á cidadanía do seu uso e creando unha muralla de cemento que pecharía a cidade ao mar”. Algo que como advertiu Villares, non vai permitir a cidadanía herculina que reclama democracia, transparencia e participación.

Este reclamo cidadán tivo como consecuencia un ofrecemento por parte do Goberno local para o diálogo institucional o pasado mes de outubro para levar a cabo unha revisión profunda dos convenios do pelotazo urbanístico e chegar a un acordo na defensa do ben común. “O que se atopou a corporación local foi un protocolo indecente que se fixo de costas á cidadanía da Coruña e aos seus representantes” denunciou Villares.

“O Partido Popular amosa así unha absoluta e reprobable deslealdade institucional e falta de respecto á veciñanza, un desprezo pola democracia e a participación, un comportamento absolutamente sectario” afirmou o voceiro de En Marea.

“O 18 de abril de 2018 vostede asinou un Protocolo polo que manda a unha conselleira máis a ser unha simple concelleira da oposición. Quería castigar a un goberno municipal lexítimo, pero vai castigar a toda a cidadanía. Co protocolo da vergoña quere favorecer ao PP e prexudicar á xente. Fará que se enriquezan os seus amigos e que se empobrezan os coruñeses. Pero quizais non estea lendo correctamente esa letra pequena que tanto lle esconde á opinión pública: porque o que di entre liñas ese protocolo é que vai mandar a unha conselleira a ser concelleira da oposición” concluíu Villares.