Luís Villares: O PSOE ten oportunidade de demostrar que a exhumación de Franco é máis que propaganda electoral

O voceiro de En Marea insiste en que o goberno de Sánchez faga valer toda a lei de memoria democrática para que de verdade haxa xustiza e reparación.
Publicado por o día 28/10/2019 na sección de En Marea,Política

Luís Villares: O PSOE ten oportunidade de demostrar que a exhumación de Franco é máis que propaganda electoral

O voceiro de En Marea, Luís Villares, analizou esta mañá o traslado do féretro de Francisco Franco como unha medida que, en función das actuacións futuras, pode ser propagandística ou un punto de partida para a restauración da memoria democrática do noso país: “non pode haber memoria histórica selectiva. A amnesia non é unha solución para o noso país. Precisamos memoria, xustiza, reparación. É unha cuestión de dignidade e saúde democrática. Tras o traslado de Franco, as exhumacións deben continuar, tamén no lado republicano”.

Villares evindenciou o apoio de En Marea a esta tardía decisión, que calificou como “necesaria”, pero tamén como “insuficiente”: “O PSOE ten unha oportunidade de demostrar que isto é máis que propaganda. Para iso cómpre facer valer toda a lei de memoria histórica.”

En Marea solicita un compromiso serio e decidido que pase por unha sistematización de todos os esforzos de recuperación da dignidade colectiva e da memoria democrática en Galicia e por iso propón a creación dunha Oficina de atención as Vítimas do Franquismo de carácter mixto e cooperativo, Xunta-Estado, que cumpra coas seguintes funcións.

  1. Facilitar o acceso aos investigadores e as investigadoras aos rexistros e arquivos, especialmente os militares, que aínda hoxe non se produciu en toda a súa a extensión. Un pretendido dereito á intimidade dos asasinos fascistas non pode impedir ás familias dos asasinados coñecer e documentar a verdade sobre o sucedido e o paradoiro das persoas.

 

  1. Ordenar e axilizar a exhumación de todas as fosas comúns e enterramentos en cunetas, para a súa posterior devolución gratuíta ás familias.

 

  1. Investigar e recuperar todos os bens espoliados pola casta franquista, non só os da familia Franco, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac, senón de toda a elite do réxime, incluídos os bens da Igrexa católica que fosen adquiridos ou inmatriculados deste xeito.

 

  1. Inventariar todos os xuízos políticos franquistas para elevar ao goberno a súa anulación, comezando polo de Alexandre Bóveda, e a seguir por todos os demais asasinados baixo a farsa duns procesos que non foron tal.

 

  1. Investigar e documentar todos os bebés roubados na ditadura das súas familias biolóxicas para que as persoas secuestradas e os seus descendentes podan coñecer ás súas familias de orixe.

O voceiro anunciou que presentarán na cámara galega medidas políticas concretas para o seu debate cos outros grupos e para ampliar os dereitos da cidadanía: “Estas iniciativas non prexudican a ninguén, non van contra ninguén, non restrinxen dereitos e amplían a memoria. Amplían dereitos para reconciliarnos co noso pasado, en paz e en igualdade”.

SOBRE A CENTRAL DAS PONTES E AS DECLARACIÓNS DA MINISTRA EN FUNCIÓNS

Ante a entrevista a Teresa Ribero, na que evidenciou que poden os datos de contaminación de ENDESA poden estar falseados para enganar as administracións e a cidadanía sobre a súa viabilidade, Villares manifestou que non poden quedar en meras declaracións: “Se isto é certo pedímoslle que lle abran un expediente sancionador e estuden impulsar unha  querela criminal contra os seus responsables por falsidade en documento mercantil”.

SOBRE O AVE É O TREN DE CERCANÍAS  

Villares criticou as promesas continuas do AVE para Galicia de PP e PSOE cada vez que hai eleccións: “O AVE non vertebra Galicia no día a día, o que vertebra Galicia e a nosa rede ferroviaria convencional que está sendo paulatinamente desmantelado. Que pasa co tren que debería conectar as cidades entre si e ás persoas entre si? Que pasa co corredor atlántico ferroviario? Que pasa coa conexión dos nosos portos exteriores? A cidadanía e o tecido empresarial de Galicia está máis preocupada por un tren que permitise a xente e as mercancías desprazarse en transporte público e que comunicase os portos coa rede ferroviaria, para ser un polo de atracción de todo o tráfico marítimo transoceánico”.