Luís Villares: “O que fai libre ás mulleres son o emprego e os salarios dignos”

O voceiro de En Marea anunciou a presentación de iniciativas no próximo Pleno para atallar a fenda salarial e a defensa dos postos de traballo de Bosch en Vigo, pertencente a un sector moi feminizado e precarizado
Publicado por o día 05/03/2019 na sección de En Marea,Política

Luís Villares: “O que fai libre ás mulleres son o emprego e os salarios dignos”

O voceiro de En Marea Luís Villares afirmou este martes que “o que fai libre ás mulleres son o emprego e os salarios dignos” para referirse á fenda salarial entre homes e mulleres, situada no 30%. “Non hai camiño da igualdade sen emprego con dereitos, que permita chegar con dignidade a final de mes, non hai igualdade real sen independencia económica”, indicou para anunciar que En Marea levará ao próximo Pleno do Parlamento de Galicia un plan de loita para atallar esta fenda, que “significa unha penalización polo simple feito de ser muller e un empobrecemento das cotizacións, que dá lugar á fenda de pensións e que a desigualdade continúe ao retirarse tras unha vida de traballo”.

Villares asegurou que En Marea tamén instará á Xunta de Galicia a intervir de maneira decidida para mediar pola defensa dos postos de traballo de Bosch en Vigo e que abandone “a desidia amosada pola política industrial e polo mantemento dos empregos de sectores que están sendo atacados e están moi feminizados”. O voceiro de En Marea lembrou que o sector do telemarketing supón 10 mil postos de traballo en Galicia, que sofren unha alta precarización salarial e laboral. Así, denunciou que as causas estruturais que permiten esta situación son as reformas laborais e a deslocalización. “Temos as mellores profesionais prestando este servizo e non entendemos que se deslocalice, perdendo calidade, proximidade e o dereito á atención na nosa lingua propia”, explicou Villares, que tamén se referiu ao perigo que implica para a custodia e protección de datos confidenciais, que son cedidos a terceiros países de fóra da UE “nos que non existen garantías sobre a nosa privacidade”.

En Marea levará ademais ao próximo Pleno unha serie de iniciativas relativas á defensa dos dereitos sociais, entre as que destaca unha Proposición Non de Lei para un plan propio de Atención Primaria. “Insistimos en pedir a dimisión do conselleiro de Sanidade. Núñez Feijóo debe cesalo por incompetente tras as súas constantes improvisacións e recibir un novo portazo dos colectivos médicos. Non escoitou a todas as partes e non atopou solucións porque estas pasan por destinar máis recursos, aumentar o tempo de atención ao paciente e recuperar a autonomía da xestión”, indicou Villares.

A promoción da vivenda protexida será outra das propostas de En Marea ante o  aumento dos prezos do aluguer un 16% de media nas cidades galega no último ano e o repunte dos desafiuzamentos por impagos do mesmo consolidado en 2017 e 2018. Villares sinalou que “hai vivenda dispoñible e é necesario intervir no mercado para conseguir prezos asequibles e promover vivenda protexida para que a nova vivenda que se constrúa estea sometida a un prezo regulado e que sirva para a emancipación da mocidade”.

Por último o voceiro de En Marea advertiu o Partido Popular de que “non queremos adoutrinamento”, xa que o PP pretende adoutrinar nas escolas sobre as supostas virtudes dunha minería que “esquilma o territorio, contamina as nosas augas e pode causar riscos catastróficos e centos de mortes”. Por iso considerou que “é inaceptable a proposta para ensinar nas escolas a cara bonita da megaminería. A única cara bonita é a solución cero, non abrir o territorio en canal para extraer un cobre que produce residuos mortais nas cuncas dos ríos. Hai que educar en valores e isto non pode ser facelo a favor desta práctica da que estamos en contra. Nós estamos pola vida, a saúde, o medio ambiente e o emprego”.