Luís Villares: “Un país xusto mantén a mocidade na súa terra e non goberna para traficantes de miseria“

O candidato á presidencia de En Marea, Luís Villares, afirmou no encontro coa cidadanía de Viveiro desta tarde que “Feijóo perdeu as eleccións cando preferiu cadrar o déficit a salvar vidas. Perdeunas por impasíbel e cruel“.
Publicado por o día 17/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

Luís Villares: “Un país xusto mantén a mocidade na súa terra e non goberna para traficantes de miseria“

En Marea mantivo esta tarde un encontro coa veciñanza de Viveiro no Teatro Pastor Díaz no que estiveron presentes o candidato á presidencia da Xunta de Galicia e cabeza de lista por Lugo, Luís Villares, a número 2, Paula Verao, o número 7, Bernardo Fraga, o número 9, Marcos Besada, e a deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz. “Feijóo xa non di nada, hoxe tivemos hoxe un debate na cadena Ser ao que non veu mandou ao seu escudeiro Pedro Puy. Tiñamos o silencio dos cordeiros e agora temos o silencio dos peperos, o mesmo silencio que impón nos medios públicos e que impón na vida política galega“ denunciou Luís Villares.

O señor candidato do Partido Popular afirmaba esta mañá que non podía dar as eleccións nin por perdidas nin por gañadas. Pois ben, nós imos a axudarlle a decidirse: ten perdidas as eleccións, señor Feijóo“ afirmou Villares. “Vostede perdeu as eleccións cando preferiu cadrar o déficit a salvar vidas. Perdeunas cando puxo a sanidade pública en venda. Perdeunas cando desoíu á xente que quedaba sen casa. Perdeunas por impasíbel e cruel. Vostede, señor Feijóo, foi un presidente cruel coa maioría“ explicou o candidato de En Marea.

En Marea quere liderar o cambio político que a sociedade galega demanda. Fronte ás políticas destrutivas, hai alternativa. Fronte á corrupción, hai alternativa. Fronte á entrega e renuncia ao país, hai alternativa. Hai alternativa, hai Marea. Hai alternativa ao redor dun grande acordo para facer do noso autogoberno un instrumento de xustiza e solidariedade, para facer da Xunta unha forza de dinamización económica, para facer das nosas institucións un dispositivo para a solidariedade, para garantir a defensa dos servizos e os bens comúns, para dicir basta e dar vida a un goberno autenticamente democrático ao servizo da maioría e a xustiza social.

O candidato á presidencia de En Marea comprometeuse con deter o “exterminio industrial do PP“. “Nós queremos un país que non nos expulse. Un país onde sexa posíbel unha vida digna. Tomaremos en serio a política industrial porque tomamos en serio o futuro deste país“ salientou. O saneamento integral das rías foi outra das medidas prioritarias en Viveiro xa que “as rías son o chan máis fértil deste país, son a nosa porta ao mundo“.  Acabouse o falar e o non facer nada, a pasividade como método de goberno. Acabáronse as rías como sumidoiros das políticas do PP. “A ría de Viveiro é fermosa, coidarémola e salvaremos dende o goberno a Praia de Covas, que se atopa en perigo pola acción depredadora dalgún home, que actuou sobre esta ría sen o máis mínimos sentido medio ambiental, enchéndoa de recheos e espigóns“ comprometeuse Villares. O goberno de En Marea exercerá as nosas competencias sobre as rías, non gobernará para os intereses de catro amigos senón para á xente mantendo un diálogo continuo coas traballadoras e traballadores do mar que será a garantía das políticas de En Marea.

“Daremos a cara polo sector pesqueiro deste país. Ninguén terá que acampar semanas diante de San Caetano para conseguir respostas do goberno. Cremos nun país cooperativo, construído coas mans de todas, que coloque no centro a intelixencia colectiva. O noso modelo de pesca pasa pola coxestión entre administración e empresa privada“ declarou Luís Villares.

“O Partido Popular é experto pero en gastar cartos. En gastalos cos conseguidores amigos de Feijóo, coas empresas da Gurtel. Experto en administrar cartos en contas suízas. Mentres gastan os cartos, as infraestruturas sofren a austeridade. Señor Feijóo, aplique a austeridade aos seus amigos conseguidores e reforme o porto de Viveiro“ dixo o candidato de En Marea.

“Un país xusto mantén a mocidade na súa terra e non goberna para traficantes de miseria. Alberto Franco Feijóo prohibiu aos nosos nenos e nenas estudiar na nosa lingua, Alberto Atila Feijóo está a acabar co noso país, un país xusto non deixa morrer xente para cumprir coa Troika, non malvende a nosa sanidade pública, un país non abusa das súas mulleres e levamos media campaña e Baltar segue a pasear do ganchete de Feijóo, por canto tempo máis vai continuar camiñando do ganchete dun acosador. Un país xusto non denigra aos seus maiores, e Iravedra temos videos de como carrexaba vellos con alzheimer para levalos a votar. Un país xusto non se resigna, un país xusto loita que é o que estamos a facer todos e todas aquí“ afirmou Villares.

A número 2 por Lugo, Paula Vázquez Verao, salientou a multitude de probas do desgoberno do PP durante todos estes anos en todos os sectores e ámbitos. Falan estes días da caixa finlandesa que no caso de Galicia é “un auténtico insulto con dous cueiros cando mantén o IVE, dúas gasas que están sen usar porque se desmantelaban con so abrilas grande metáfora de como ten a sanidade pública o PP, un babeiro do Gadis, unha mostra dunha colonia dunha superfice que non incumpre cos prezos do leite galego para garantir os prezos de custe, un cd de cantos de berce en castelán non vaia  ser, e infusións relax que serán para que esquezamos a nosa situación precaria“.

O candidato de En Marea por Lugo, Bernardo Vázquez Verao, destacou o compromiso de En Marea coa igualdade real a través dun exercicio de dignidade que marcará un antes e un despois no noso país a partir do 25 de setembro. Atender as necesidades básicas da comarca, unha comarca abandonada polo PP en todos o sectores pero “estamos a tempo de cambiar todo e garantir un futuro para a nosa comarca“.

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, destacou que “estando no ecuador da campaña podemos dicir que a frescura, a decencia vai gobernar a Xunta de Galicia“. Nós somos a xente do pobo, dos traballadores, dos pensionistas que teñen a tristura de ter as peores pensións do conxunto do Estado. Temos unha grande honra porque non hai mellor candidato en Galicia, un home formado que se puxo ao carón da xente do pobo. Temos que lle dicir a xente que hai que botar ao PP, Alberto Núñez Feijóo forma parte da mesma corrupción do PP, unha parte substancial da financiamento irregular do PP ven de Galicia. Non é decente que o PP en Galicia é como unha illa na que sempre gañan, nós imos dicirlle que será a xente a que limpará a Xunta de Galicia da corrupción do Partido Popular. Unha corrupción que consiste en que nos saqueen, en privatizar os servizos públicos. Temos unha urxencia vital que é gañar ao PP para lle devolver a decencia e garantir o futuro do noso país.

O candidato de En Marea por Lugo, Marcos Besada, lembrou as palabras de Platón que dicía que o prezo de desentenderse da política é rematar sendo gobernados polas peores persoas xa o dicía Platón, “co panorama que temos hoxe en día en Galicia como non imos a querer participar para teimar do noso. Grazas a Feijóo nos estamos xuntando para botar ao PP e recuperar para a xente o noso país“ declarou.

Apoio ao Hospital da Costa de Burela
Falla de atención completa e integral en materia sanitaria, falla de infraestruturas completas no eido sanitario cunha ampliación que nunca termina por ser realidade que obriga a desprazamentos a Lugo e a privada. En Marea aposta por unha comarcalización de servizos, unha atención completa en atención primaria e impulsaremos a partir do 25 de setembro un plan de recuperación do das condicións laborais agora precarizado para o persoal sanitario.

MEDIDAS DE EN MAREA PROPOSTAS EN VIVEIRO

ACABAR CO TURISMO DEPREDADOR
A aposta de En Marea por outro tipo de turismo foi tamén un dos compromisos presentados en Viveiro, un turismo que non atente contra o medio ambiente, senón que se beneficie de respectalo. Un turismo vinculado ao territorio e á xente que vive nel, que non sexa depredador. “Todo o contrario do Hotel de Illa Pancha, turismo elitista e avellentado, insostíbel“ indicou Villares.

INFRAESTRUTURAS NA MARIÑA
A Mariña foi esquecida por Fraga enviando a transcantábrica a Vilalba en lugar do seu percorrido natural ata Ferrol. Ese dano non só non foi reparado, senón que ademais paralizaron a Variante de Viveiro, e están traballando a reo para rematar en período electoral o tramo Celeiro-San Cibrao, que quedará en terra de ninguén. “Temos que poñer fin a este abandono histórico“ asegurou o candidato de En Marea.

APOSTA POLAS ENERXÍAS LIMPAS

Temos unha industria eólica que da valor engadido a Viveiro, como é a creación de muiños de vento. As enerxías limpas deben serán prioridade no futuro goberno de En Marea da Xunta de Galicia e apostamos por elas con toda claridade.

POLÍTICAS DE CLUSTERS REAIS E EFECTIVAS
Na industria galega, a capacidade de innovación é importante e decisiva tanto nas empresas motrices como nas auxiliares, de modo que a competitividade das primeiros, tamén se asenta sobre as segundas. Nese senso, é imprescindible adoptar políticas de clúster que permitan establecer marcos estables de cooperación entre o conxunto das empresas dunha cadea produtiva a fin de mellorar a competitividade. Así mesmo, o modelo de clúster a adoptar debe articularse en torno a centros tecnolóxicos que, mediante a colaboración público-privada, poderán dotarse de fondos suficientes, para adaptarse ás necesidades específicas das empresas, que poderán participar nos órganos de dirección dos clústers.

POLÍGONOS INDUSTRIAIS
Galicia mantivo sempre políticas erráticas en canto á dotación de solo industrial, dando lugar a notables desaxustes entre oferta e demanda. Neste senso é necesario revisar a política de solo empresarial e industrial. De feito, a Xunta debera levar a cabo unha dotación específica naquelas áreas de demanda constante e insatisfeitas, e non insistir nunha distribución aleatoria e baseada en intereses partidistas que acabou con enormes extensións de solo infrautilizado, como na actualidade. En concreto, para dotar de sentido a estes espazos parados, formularemos un Banco de Parcelas Industriais. Tamén apostemos as competencias sobre o solo industrial que controla o SEPES (Sociedade estatal de Solo), e adicionalmente, sobre as poxas públicas a este respecto que realiza a Axencia Tributaria.

DERROGACIÓN DO PLAN DO CANTÁBRICO-NOROESTE
O actual sistema de reparto de cotas está baseado nas capturas históricas dificultado, a innovación e prexudicando a aquelas flotas que máis apostaron pola sustentabilidade dos recursos. Instaremos ao Estado á derrogación do Plan do Cantábrico-Noroeste e procuraremos e esixiremos criterios de reparto e xustos, que se fundamenten na sustentabilidade económica, social e ambiental.

SANEAMENTO INTEGRAL DAS RÍAS
De acordo a un informe da Axencia Europea de Medio Ambienta máis da metade das zonas de baño de España con mala calidade das augas atópanse en Galicia e o 87% das zonas de marisqueo presentan contaminación fecal (Intecmar). Dato que ilustra a persistencia dun problema que afecta ao potencial marisqueiro, pesqueiro, turístico e recreativo das nosas rías. Ante este problema será a prioridade do goberno galego completarmos a rede de saneamento e renovar instalacións obsoletas, garantir o efectivo funcionamento das estacións depuradoras existentes, reforzar a actividade inspectora en instalacións públicas e privadas e reducir os miles de puntos de vertido ilegais existentes na nosa costa. Ademais, será necesario integrar nesta loita os servizos estatais de Costas cos autonómicos. Igualmente, isto debe ser acompañado por unha política de montes adecuada que evite a sedimentación, que é a terceira pata do problema.

DIÁLOGO COS SECTORES DO MAR.                         
Impulsaremos un modelo de co-xestión do sector pesqueiro, modelo que debe aplicarse á xestión dos recursos e á orientación da capacidade investigadora e tecnolóxica que Galicia ten. Revitalizarmos o Consello Galego da Pesca, para que sexa a canle de coordinación de todo o sector pesqueiro, dando entrada nel ás asociacións máis representativas do país e implicando ás universidades e aos centros de investigación.

RECLAMACIÓN DUN STATUS ESPECÍFICO PARA AS ARTES MENORES
A flota artesanal galega é un sector fundamental da industria pesqueira, unha particularidade que debe ser defendida e protexida polo impacto económico e ambiental, moito máis respectuoso que o resto de modalidades. Comprometémonos a reivindicar as súas particularidades e e a reclamar ás institucións europeas un status específico para artes menores e a defender e incrementar o marco de competencia da Comunidade Autónoma para regular a actividade desta flota.

COMBATER O FURTIVISMO
A presenza crecente de furtivos nas rías galegas e a extensión do fenómeno amosa o ineficaz das medidas adoptadas ate o momento para combatelo. Reforzamos os corpo e os sistemas de vixilancia e control do furtivismo, evitando a extracción e distribución dos seus produtos. En apoio disto levaremos a cabo unha mesa de control do furtivismo para a procura de estratexias comúns entre os distintos corpos de seguridade, autoridades portuarias e as confrarías.

APOSTAR POLA FORMACIÓN
Actividades como a pesca artesanal ou o marisqueo están sometidas esixencias competitivas, regulamentarias, de xestión interna, de comercialización ou de sustentabilidade que fan preciso incentivar e facilitar cursos de formación e actualización. Estas actividades de formación deben estar deseñadas de acordo as necesidades específicas e contexto existentes en cada confraría ou agrupación.

RESTRINXIR A TRANSFERENCIA DE COTAS
Os sistemas de xestión pesqueira apoiados en cotas transferibles, sexa directamente ou tras os despezamentos de unidades de flota provoca a concentración da actividade en cada vez menos mans, favorecendo un sistema social e ecoloxicamente, cada vez menos sostible e permite facer negocios privados con dereitos públicos. Dende En Marea consideramos que as cotas deben reverter ao sector público si remata a actividade da empresa e, consecuentemente comprometémonos por apoiar a eliminación da mercantilización das cotas, particularmente en Plans como o do Cantábrico.

CONTROIS SANITARIOS SOBRE AS IMPORTACIÓNS DE MOLUSCOS PARA SEMENTAR NAS RÍAS
Moitos moluscos son depurados en circuíto aberto ou sementados sen ter en conta a presenza de organismos patóxenos, xa que non existe o suficiente control sanitario, podendo traer asociados patóxenos ou semente doutras especies inexistentes en Galicia. Ao efecto de garantir o equilibrio ecolóxico das rías e a sustentabilidade das produción, comprometémonos a regular as importacións de moluscos foráneos ás Rías Galegas e garantir a aplicación de controis sanitarios exhaustivos á entrada de organismos vivos para sementa ou depuración en circuíto aberto.