Luís Villares: “O PP calculou mal os orzamentos a mantenta para evitar a fiscalización de 250 millóns de euros por parte da oposición”

En Marea presentou un escrito de reconsideración contra a decisión da Mesa do Parlamento de tramitar polo procedemento de lectura única a modificación dos orzamentos da Xunta para 2017.
Publicado por o día 10/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

Luís Villares: “O PP calculou mal os orzamentos a mantenta para evitar a fiscalización de 250 millóns de euros por parte da oposición”

Esta tarde debaterase nunha Xunta de Voceiros extraordinaria convocada no Parlamento de Galicia un escrito de reconsideración de En Marea perante a decisión de tramitar polo procedemento especial de lectura única (sen debate parlamentario) o Proxecto de Lei de impulso ao cremento económico e reforzo do gasto social e a modificación da Lei de Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

“Cremos que é necesario por hixiene democrática e pluralidade formular un debate con tempos mais dilatados e poder decidir onde van eses recursos, ademais de formular emendas parciais”, demandou en rolda de prensa Luís Villares, para quen mediante o procedemento de lectura única “unha vez máis o PP trata de silenciar os debates que non lle conveñen cercenando o debate parlamentario e impedindo que se escoiten alternativas.”

De feito, En Marea xa advertiu hai seis meses que dende a Consellería de Facenda estaban calculando mal os Orzamentos da Xunta para 2017. “Dixemos que que nos correponderían 250 millóns de euros a maiores, e acusáronnos de carencia de rigor, tres meses despois veu Soraya Saez de Santamaria dicirlle ao conselleiro que se equivocara en 247 millóns”, lembrou o voceiro de En Marea. “O goberno de Feijóo fixo esto a mantenta para poder dispoñer de case 250 millóns de euros sen fiscalización da oposición, con partidas que se cambian a última hora para destinalas a outros fins”, engadiu.

Luís Villares lembrou na súa intervención a “mala xestión” e o “desgoberno” que caracteriza o modus operandi do goberno do PP á hora de xestionar os recursos, como fixo destinando no pasado exercicio “máis dun terzo dos recursos para pobreza enerxética en iluminar o Gaiás” ou “deixando de gastar 57 millóns de euros en materia de formación e emprego”.  A mesma xestión que nos leva a entrar na terceira semana de folga no sector do transporte. “A Xunta prefire perder o bus da modernización do transporte porque a soberbia da maioría absoluta impídelles escoitar o sector e a cidadanía”, denunciou Villares. Algo semellante ao que acontece no sector da automoción, onde PSA Citroen comeza a mobilizarse o vindeiro xoves. “Ou pechando o futuro da mocidade coa clausura de escolas, deixando de lado os traballadores de Ferroatlántica”, enumerou o voceiro de En Marea en referencia á “mala xestión, o desgoberno e todo tipo de conflitos” que está xerando o goberno de Feijóo.

“Fronte a isto En Marea traballa propoñendo alternativas para este país, evitando que se cercene o debate político en materia de orzamentos e tamén propoñendo medidas pra emprego e medio rural  como levamos a pleno esta semana”, concluíu.

O NON ao debate da AP9, unha “complicidade pactada”

Preguntado polas reaccións contraditorias con respecto ao traspaso da AP9, Luís Villares sinalou que só se poden entender no marco “dunha complicidade pactada” entre Feijóo e o PP de Madrid. “Gustaríanos saber con que chataxean a Feijóo para que manteña este silencio, temos un presidente mudo que debería estar pedíndolle aos deputados galegos do PP que voten a favor deste debate no Congreso” reivindicou o voceiro de En Marea. “Pero o que falta é vontade política”, indicou.