O voceiro de En Marea, Luís Villares, recriminou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que opte por botar man da polémica e lanzar preguntas aos grupos da oposición para non contestar, como é a súa obriga como presidente, ás preguntas na sesión de control do Parlamento de Galicia. “Fáltanlle explicacións e sóbralle indiferenza. Está moito máis cómodo preguntando que contestando pero estamos na sesión de control. Non se esconda nas preguntas para non contestar” afirmou Villares.
Unha vez máis o titular da Xunta de Galicia evitou as preguntas realizadas polo voceiro de En Marea que preguntou por que medidas ía tomar o Goberno galego para atender o “clamor cidadá” que reclama accións reais contra a desigualdade entre mulleres e homes e que quedou en evidencia o pasado 8 de marzo coas históricas mobilizacións polo Día internacional da muller. O voceiro de En Marea pedía así que o presidente dera conta das accións previstas polo Goberno para loitar contra a fenda salarial, os casos de discriminación no sector da investigación por ser nai, os intolerables datos da violencia machista, ou a supresión por parte da Xunta da atención psicolóxica nos xulgados de violencia de xénero.
Villares, na súa intervención, volveu a pedir ao presidente da Xunta que pedise perdón polas súas declaracións nunha entrevista nun medio de comunicación nas que relacionaba a todos os galegos e galegas co contrabando. Petición que volveu a ser obviada por Núñez Feijóo. O voceiro de En Marea pediu tamén que contestara á pregunta realizada por un xornalista galego e que se negou a contestar na que lle preguntaba que delegado do Goberno lle pasara as súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado. Cuestión que quedou tamén sen resposta. Como tampouco valorou a condena por un delito de prevaricación dun ex deputado do PP ou a condena ao alcalde de Palas por prevaricación e acoso a secretaria do Concello e que segue no seu posto grazas ao apoio do PP.
“En nome da igualdade da que dixo tomar nota despois das manifestacións do 8M, vai vostede a facer algo para mudar esta situación” concluíu o voceiro de En Marea.
Noticias de última hora en Vigo