Luis Villares: “Temos un goberno oínte en materia industrial que non conta con ningunha estratexia industrial para o sector do automóbil”

Tralo anuncio da compra de Opel por parte de PSA o voceiro parlamentario de En Marea cre que hai un grave risco de que Galicia quede excluída da industria de automoción.
Por o 06/03/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
Luis Villares: “Temos un goberno oínte en materia industrial que non conta con ningunha estratexia industrial para o sector do automóbil”
Compartir en:

“Hai gobernos activos e hai gobernos oíntes, o noso é un goberno oínte”, sinalou esta mañá Luís Villares na habitual rolda de prensa dos luns para valorar a actualidade política. En referencia ao último episodio da compra de Opel por PSA, da que aínda se descoñece a reacción do goberno galego, o voceiro parlamentario de En Marea considera que estamos asistindo a unha reordenación  e concentración do sector do automóbil que ten efecto e alcance en toda Europa e que en Galicia nos afecta de xeito direto con todo un sector artellado ao redor de Citröen e dos compoñentes que precisa para a fabricación de coches  “para o que é preciso unha estratexia concreta do Goberno galego que debería traballar con previsión para garantir os  postos de traballo en todo o país”.

“Queremos que haxa unha estratexia industrial galega de I+D+i, un desenvolvemento da industria 4.0 que garanta que Galicia non quedará excluída da construción do automóbil a nivel de Europa”, reivindicou Villares. “Non contamos cun sistema ferroviario, aeroportuario e portuario que favoreza a implantación de novas empresas , nin unha estratexia clara en materia impositiva e fiscal que mobilice solo industrial”, concluíu antes de anunciar que estas reivindicacións centrarán a actividade política de En Marea nas vindeiras semanas.

Chamada ás mobilizacións
En Marea apoia e secunda a proposta internacional de paro laboral, de coidados e consumo para as mulleres no vindeiro mércores 8 demarzo entre as 12h e as 12.30h. “Sen as mulleres o mundo non funciona”, lembrou Luís Villares antes de achegar os datos que confirman unha fenda salarial en Galicia do 22% en favor dos homes (19.900 €/anuais de media nos salarios mansculinos fronte aos 15.500€/anuais dos salarios femininos).

Ademais, dende En Marea tamén facemos un chamamento á folga do ensino do vindeiro xoves día 9 de marzo contra a LOMCE e os recortes en Educación , que trouxeron unha redución das bolsas de estudo, o peche de bibliotecas, a eliminación de grupos de apoio nas escolas, o peche de comedores escolares ou a redución de profesorado. “Mentres tanto, aumentou o ratio de alumnado, a desatención a alumnado con dificultades, o abandono escolar, e a conflitividade nas aulas”, alertou Luís Villares. “Os dereitos precisan de recursos para ser reais polo que sairemos á rúa de novo para lembrarlle ao Goberno que ten que derogar completamente a LOMCE e recuperar os investimentos en educación.

Polémica por un tuit: “A política real non está no Twitter, senón poñendo recursos contra a violencia machista”

Preguntado polos xornalistas acerca da polémica creada polo PPdeG en redes a raíz da redacción dun tuit da vicevoceira Carmen Santos durante a manifestación feminista do pasado domingo , o voceiro parlamentario sinalou que  “o problema non é unha coma de máis ou menos,  senón se hai cartos de máis ou de menos para a violencia de xénero”.  E engadiu que “ a política real non está no Twitter e quen ten responsabilidades de Goberno , ten tamén responsabilidades nas comas dos orzamentos”, en referencia ao recorte nas partidas destinadas a igualdade. “É preciso reverter as dúas tendencias, tanto en  materia de orzamentos como en materia de resultados”, rematou.