O luns comeza o obradoiro infantil “Un libro enrollado” impartido por Ramón Trigo en Libros para soñar

Publicado por o día 14/07/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O luns comeza o obradoiro infantil “Un libro enrollado” impartido por Ramón Trigo en Libros para soñar

O artista vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro infantil de ilustración co lema “Un libro enrollado”, dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. Realizarase en LIBROS PARA SOÑAR a partir deste luns día 17 e prolongarase ata o mércores 19, en horario de 11:00 a 13:00 horas. A partir dun fío condutor proposto por Ramón Trigo, os asistentes poderán elaborar a súa propia historia coa técnica artística que elixan. Finalmente, con todos os traballos vaise elaborar un mural de gran formato que podería superar os 2 metros de longo.

O obxectivo da actividade é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos tamén durante as vacacións de verán, e que desenvolvan as súas habilidades na creación de personaxes e historias, ao tempo que as nais e os pais teñen un apoio para poderen conciliar a vida laboral e familiar.

Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten experiencia impartindo obradoiros para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.

Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria. Entre as súas obras recentes, “Leviatán”, publicado no selo FAKTORÍA K, gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editores. Outro dos títulos destacados que ten ilustrado é “O pirata Pata de Lata”, editado por KALANDRAKA.

As inscricións pódense formalizar en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo): por teléfono no número 986 43 37 68 ou por correo electrónico no enderezo [email protected]