Despois de “moito traballo, moito esforzo e moita dedicación” a Deputación de Pontevedra deu o visto bo ao “esperadísimo” proxecto de mellora da estrada EP1005 Viso-Hío, en Cangas, que da resposta “a unha demanda histórica” na vila. A Xunta de Goberno provincial aprobou hoxe o convenio e as obras poderán comezar este mesmo ano cun orzamento de máis dun millón de euros.
A actuación, que se estenderá nun tramo dun quilómetro de vía desde o cruce coa PO-315 ata a igrexa de San Andrés do Hío, vai transformar por completo a vía para convertela nunha estrada do século XXI con itinerario peonil, novo firme e sinalización, plataformas de convivencia, iluminación eficiente e sistemas de calmado de tráfico. O acondicionamento da estrada provincial Viso-Hío conta cun orzamento total de máis dun millón de €. Deste importe, a Deputación vai achegar máis de 828.000 € e o concello de Cangas 207.000 €, dos que máis de 157.000 proceden do Plan Concellos provincial.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción por “ter conseguido xunto ao concello cangués desatrancar tantas dificultades. “Cando chegamos –dixo – había en marcha un proxecto imposible de levar a cabo. Amais, houbo que facer un grande esforzo por parte do concello para poder ter os terreos e que esta grande obra se faga realidade. Temos que aplaudir o seu traballo e facerlles un recoñecemento porque na práctica tiveron que falar unha por unha con todas as persoas propietarias de cada parcela. Foi encomiable”.
O obxecto desta actuación é, principalmente, dotar á estrada provincial dun itinerario peonil continuo e convertela nunha vía que permita a mobilidade das persoas con seguridade e comodidade xa que, na actualidade, non conta con beirarrúas e trátase dunha estrada cun intenso tráfico de vehículos. “Seguimos apostando por un modelo de mobilidade que está a transformar a provincia –manifestou Silva- porque o que antes eran espazos para os vehículos están agora converténdose en lugares para as persoas”.
En concreto, executarase un itinerario peonil na marxe dereita de 2,5 metros de ancho, zonas de convivencia mixta entre persoas e vehículos deseñadas como “zonas 30” en dous treitos estreitos e un tramo de cen metros con beirarrúa en ámbalas dúas marxes da estrada nas inmediacións do futuro centro de saúde. Tamén, mediante esta mellora integral ampliarase a plataforma da estrada para incluír dous carrís e instalaranse sistemas de calmado de tráfico, mediante sinalización e execución de redutores físicos de velocidade, que garantan a seguridade para as persoas usuarias da vía. Amais, vaise reforzar o firme en toda a estrada; implantar cunetas de borde de calzada; executar novos servizos de recollida de augas pluviais, redes de electricidade, telecomunicacións e abastecemento; instalar nova sinalización horizontal e vertical en todo o treito e implantar un sistema eficiente de iluminación que transformarán por completo a vía.
A renovada estrada provincial EP1005 Viso-Hío seguirá o modelo que a Deputación está a espallar por todas as vías da súa titularidade, no que se fai especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: persoas viandantes, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. O obxectivo é conformar unha contorna na que convivan todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento e na que o espazo público se distribúa de xeito equitativo, fomentando a mobilidade universal e a seguranza viaria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.