Luz verde da Deputación de Pontevedra ao acondicionamento das oficinas do cuartel da Garda Civil de Cambados

A empresa encargada de acometer as obras, que se iniciarán de inmediato, é Construcciones Castro Figueiro SLU por un valor de 173.419,39 euros
Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Luz verde da Deputación de Pontevedra ao acondicionamento das oficinas do cuartel da Garda Civil de Cambados

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o contrato de acondicionamento das oficinas do andar baixo do bloque dianteiro do cuartel da Garda Civil de Cambados, obras que realizará a empresa Construcciones Castro Figueiro SLU, por un valor de 173.419,39 euros. Os traballos se iniciarán de forma inmediata e terán un prazo de execución de 4 meses.

O obxectivo da actuación é rehabilitar e mellorar a accesibilidade e habitabilidade nas oficinas do cuartel, unha edificación que se atopa deteriorada polo paso do tempo e non adaptada á normativa vixente en materia de seguridade contra incendios. Así, as obras comprenden a reforma do interior do espazo destinado a oficinas, realizando as adaptacións pertinentes para axustarse aos requirimentos da actividade a desenvolver e á normativa vixente. Amais, vaise a modificar a cota da zona de recepción para centralizar os accesos ás dúas áreas de traballo de oficina. Para levar a cabo esta actuación demoleranse as dúas escaleiras laterais e disporase un núcleo central de comunicación composto por escaleira e elevador. No patio posterior vaise proxectar unha escaleira para conectar co espazo de recepción a cota superior do edificio.

Pola súa banda, vaise manter a zona de control e instalaranse aseos accesibles para ambos sexos e cuartos de instalacións e limpeza. Tamén se contemplan catro despachos, un espazo diáfano de traballo para a policía xudicial, así como a zona de intervención de armas e un espazo de control de persoas detidas. Por último, esta previsto crear, na zona oeste, unha sala de espera contigua á zona de recepción de denuncias, tres despachos e un espazo de traballo para dous postos administrativos. Amais, nesta actuación a Deputación de Pontevedra tamén aposta pola eficiencia enerxética, coa mellora do aislamento térmico, substitución das carpinterías por unhas novas de aluminio e instalación de luminarias de baixo consumo.