A Xunta de Goberno Local (XGL) deu hoxe luz verde ao expediente de contratación do proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Suecia de Monte Porreiro, o que permitirá mellorar a seguridade e mobilidade peonil dos nenos e nenas do CEIP Marcos da Portela que cada día chegan andando ao centro.
A obra sairá a licitación por 218.825 euros e terá un prazo de execución de catro meses, segundo explicou o portavoz do Goberno local, Raimundo González.
O proxecto inclúe a instalación de pasos sobreelevados, o arranxo e ampliación de beirarrúas e a renovación da sinalización. A actuación completarase coa redución da circulación a un carril en sentido único e a habilitación de aparcadoiros a ambos lados da rúa facendo unha reserva para o centro de ensino.
Na actualidade, e tamén co obxectivo e garantir a seguridades dos nenos e nenas do CEIP Marcos da Portela, a rúa péchase ao tráfico un cuarto e hora antes e un cuarto de hora despois da entrada e saída do centro de ensino. É dicir, prohíbese a circulación de 08:45 a 09:15 e de 13:45 a 14:15 horas.
Raimundo González sinalou que a mellora da accesibilidade na rúa Suecia é un chanzo máis no plan xeral que desenvolve o Concello para garantir a seguridade dos nenos e nenas arredor dos centros escolares e promover que cheguen a clase andando. Xa se ten actuado nos CEIP A Carballeira (Lourizán), Lérez, Salcedo e Ponte Sampaio e está en marcha unha actuación neste sentido no de Vilaverde (Mourente).
Noticias de última hora en Vigo