Luz verde no Parlamento á petición do BNG para solucionar ás altas temperaturas no Hospital de Pontevedra

Montse Prado: “Que nin profesionais nin persoa ingresadas teñan que soportar temperaturas de até 35 grados que xeraban unha situación insoportable”
Publicado por o día 20/09/2018 na sección de BNG,Política

Luz verde no Parlamento á petición do BNG para solucionar ás altas temperaturas no Hospital de Pontevedra

O Parlamento aprobou a proposta do BNG para reclamarlle ao Goberno da Xunta que tome as medidas necesarias para corrixir o problema das altas temperaturas no Hospital de Pontevedra, que teñen que soportar tanto o persoal sanitario como as persoas usuarias do centro hospitalario, solución que debe aplicarse a todas as instalación e non só nas zonas sensibles.

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, agradeceu o apoio do resto dos grupos e confía que, tras a aprobación desta iniciativa, nin persoas doentes, nin profesionais teñan que pasar por unha situación que as persoas que a sufriron tacharon de insoportable.

“Agradezo o apoio dos grupos para evitar que no Hospital de Pontevedra nin profesionais, nin persoas ingresadas teñan que soportar temperaturas de 30 ou 35 grados, e que nunca máis teñan que ser pronunciados cualificativos como inhumano, tercermundista, inexplicable ou insoportable porque a situación das altas temperaturas estea solucionada”, salientou Prado tras a votación.

A deputada nacionalista lembra que no CHOP ingrésanse usuarios e usuarias de especialidades como obstetricia, neonatos, pediatría, coidados paliativos, xinecoloxía, oncoloxía, medicina interna entre outras, “polo tanto tiveron que soportar as altas temperaturas desde nenos e nenas a persoas de avanzada idade ou con tratamentos oncolóxicos ou paliativos”, denunciou.

De feito,  a situación era tan insoportable que nalgúns casos os propios familiares decidiron mercar equipos de refrixeración “para aliviarlle a situación ao doentes, xa que a maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolvían o problema das temperaturas elevadas”, subliñou Prado.

O Bloque denuncia tamén a falta de actuación da dirección do CHOP que, ante unha vaga de calor da que tiña coñecemento, non adoptou as medidas necesarias para protexer nin ás persoas doentes nin ao persoal sanitario.