Mabel Rivera e Belén Constenla darán vida en Ourense a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela

Arranca a xira de inverno de Voaxa e Carmín que levará ás actrices, por fin, a Santiago de Compostela do 8 ao 11 de febreiro.
Por o 31/01/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Ourense
Mabel Rivera e Belén Constenla darán vida en Ourense a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela
Compartir en:

Voaxa e Carmín, a obra de Esther F. Carrodeguas merecedora do Premio Abrente para textos teatrais no 2015, chegará a Ourense este venres 3 de febreiro na que será a primeira función do 2017, poucos días antes de chegar a Compostela, onde se instalará do 8 ao 11 de febreiro. Esta primeira función terá lugar o venres 3 no Auditorio Municipal, ás 20:30. As entradas están xa á venda en Ticketea.

Producida ButacaZero e eme2 en coprodución coa propia MIT Ribadavia, da vida de maneira poética e fantasiosa a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías ou As dúas en Punto en Santiago de Compostela. A peza pretende dignificar a figura de dúas mulleres exiliadas en terra cunha proposta que  chegará ao corazón do público, tanto dos que as coñeceron como os que non.

Dúas grandes da nosa escena protagonizan a comedia que atraca este venres no Auditorio Municipal: Mabel Rivera(premio Goya á mellor acriz de reparto por Los lunes al sol e tres veces galardoada co Mestre Mateo) e Belén Constenla(que obtivo tres premios María Casares e un Mestre Mateo). E fano baixo a direccion de Xavier Castiñeira, que apoia a súa escenificaicón nun paseo virtual por unha Compostela deseñada por Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo). Trátase dun entorno virtual en 3D que reproduce, de maneira pictórica e con estética de gravado, as rúas de Compostela polas que Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías, paseaban durante o franquismo ás dúas da tarde, feito que fixo que os estudantes lles puxeran o alcume As dúas en Punto. A forte carga audiovisual é un dos grandes atractivos da peza, pero non o único, xa o vestiario e caracterización das personaxes (a cargo de Mari Seoane e Trini F. Silva respectivamente), sorprende pola súa fidelidade aos espectadores que coñeceron en vida a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart.

As dúas irmás son de seguro son ben coñecidas pola xente que compartiu vida con elas, e tamén por todas as persoas que se achegan agora a Compostela e ven a estatua de César Lombera que se atopa na Alameda e coa que galegos e forasteiros se fotografan día tras día, converténdose xa nun dos lugares máis populares da cidade. Porén, é probable que moitas destas persoas non saiba apenas nada da historia do seu pasado. Con esta obra de teatro, Carrodeguas súmase a todas as persoas que non últimos anos quixeron dignificar a figura destas irmáns coñecidas por vestirse de maneira estrafalaria e maquillarse esaxeradamente para saír cada día, chiscando ollos aos estudantes ate case o último día da súa vida, que agochan no seu pasado a vivencia dunha postguerra terrible, ateigada de rexistros domiciliarios aleivosos e cruentos, ao pertencer a unha familia con membros anarcosindicalistas.