Maioría absoluta do Claustro ao proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo

Será remitido á Xunta de Galicia, onde se someterán ao correspondente control de legalidade
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Universidade de Vigo

Maioría absoluta do Claustro ao proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo

104 votos a favor, 5 en contra, 11 en branco e 3 abstencións. A sesión extraordinaria do Claustro celebrada este mércores deu un respaldo histórico ao proxecto dos que serán os cuartos Estatutos da Universidade de Vigo. O documento será agora remitido á Xunta de Galicia para que o someta ao correspondente control de legalidade e, de ser o caso, pasen a aprobarse por Decreto e a publicarse no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros meses.

“O resultado reflicte o acordo global da Universidade sobre esta nova Carta magna”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, quen se amosou “inmensamente satisfeito” porque o documento fose aprobado por unha contundente maioría absoluta. “Isto é para nós moi importante porque pon de manifesto precisamente a unidade que existe nesta institución sobre o modelo de Universidade que temos. Aquí as diferencias das distintas sensibilidades non son de modelo, isto é algo que conseguimos concordar entre todos e que todos defendemos e é o que se reflectiu na votación de hoxe”, recalcou Mato, quen fixo fincapé en que existen distintas sensibilidades pero referidas a temas concretos de actuación e non ao modelo en si, “e iso é o que fará que teñamos unha vida futura dinámica, contrastando ideas e miradas distintas, pero sempre baixo o mesmo modelo e baixo a mesma dirección”.

Tras agradecer a asistencia dos 123 claustrais que asistiron á sesión –a maioría cualificada establecíase en 96-, “sobre todo aos que fixeron o esforzo de asistir á sesión da semana pasada e a esta e as persoas que se achegaron dende lonxe”, Mato dedicou verbas de especial recoñecemento para todas e todos os que formaron parte da comisión de Estatutos. “Durante dous anos levamos a cabo un intenso traballo de moito diálogo, de tentar recoller todas as sensibilidades para dotarnos duns Estatutos que sexan os principios básicos da nosa actuación, que nos dean flexibilidade e dinamismo e que nos permitan afrontar o futuro recollendo os dereitos e deberes de todos os colectivos”, recalcou o reitor, quen admitiu que presidiu a comisión como máximo representante da Universidade, “pero simplemente desde un punto de vista de coordinación de todas as sensibilidades que estaban neste equipo”.

“Un bo colofón para a lexislatura”

“A nivel persoal este é para min un bo colofón para a lexislatura”, admitiu Salustiano Mato, a piques de rematar o seu derradeiro mandato. “Había unha obrigación legal de afrontar este proceso, pero a reforma duns estatutos universitarios non é algo doado e por iso en moitas universidades optan por ilo pospondo. Eu propúxenme sacalos adiante, non como algo do goberno da Universidade, senón da Comisión de Estatutos que creamos exprofeso, reflexo de todas as sensibilidades que temos na Universidade, e que traballou nisto durante moito tempo”, explicou o reitor.

Mato defendeu nese sentido que era necesario ese tempo tan longo de traballo para chegar a un borrador que fose denominador común. “Os resultados desta votación son para min unha gran satisfacción porque o obxectivo que se buscaba logrouse, foi un traballo de todos e o logro tamén é de todos. Era complicado conseguilo antes de rematar a lexislatura pero fomos quen de facelo”.

Agárdase que a nova Carta magna poida entrar en vigor antes do verán

Se ben a Universidade de Vigo é a encargada de redactar o anteproxecto de Estatutos non ten competencias para aprobalos, xa que este tipo de textos apróbanse por decreto, polo que, unha vez conseguido o visto e bo do Claustro, enviaranse á Xunta de Galicia, onde se someterán a un control de legalidade e, unha vez superado este requisito, apróbanse por Decreto e publícanse no Diario Oficial de Galicia. A partir de aí, entrarán en vigor. “O tempo de tramitación dependerá da propia Xunta, pero é probable poidan estar publicados en Semana Santa ou, en todo caso, antes do verán, aínda que isto depende de moitas circunstancias”, recalcou o profesor Roberto Bustillo, secretario e voceiro da Comisión.

“Son trámites que quedan pendentes e, durante ese tempo, a Universidade seguirá o seu ritmo normal cos actuais Estatutos ata que se publiquen os novos”, engadiu o reitor.