Maioría de mulleres na toma de posesión de docentes titulares

23 docentes da Universidade, 15 mulleres e 8 homes, acadan esta nova categoría profesional
Publicado por o día 02/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Maioría de mulleres na toma de posesión de docentes titulares

15 profesoras e oito profesores da Universidade de Vigo tomaron este martes posesión das súas prazas como docentes titulares nun acto que se levou a cabo no paraninfo do edificio Ernestina Otero e que estivo marcado polas medidas de hixiene e sanitarias derivadas da covid- 19. A cerimonia estivo presidida polo reitor, Manuel Reigosa, quen non dubidou en darlles os seus parabéns e as grazas por todo o traballo realizado. “Hoxe comezades a recoller o froito do esforzo que levades anos sementando”, subliñoulles Reigosa, nunha cerimonia na que estivo acompañado polo secretario xeral, Miguel Ángel Michinel. “Estou seguro que vos ides pór as pilas e seguir traballando arreo pola vosa institución, institución que non sempre o agradece como debería, pero da que vos aseguro está dirixida por persoas que somos moi conscientes de que o voso esforzo é o que fai grande á Universidade de Vigo”, recalcou o reitor.

A toma de posesión do profesorado titular ten lugar apenas tres semanas despois da dos novos catedráticos e catedráticas e, se naquel acto as mulleres foron unha minoría –catro catedráticas e 20 catedráticos-  nesta ocasión a maioría foi para elas: 15 mulleres e oito homes, o que parece indicar que, a medio e longo prazo, as cousas van mellorando e, pouco a pouco, se vai camiñando cara unha Universidade máis igualitaria. Destas novas quince profesoras titulares, oito pertencen ao ámbito científico e sete ao tecnolóxico, mentres que no caso dos homes: cinco pertencen ao científico, dous ao tecnolóxico e un ao xurídico-social.

18 novos titulares para o campus de Vigo, catro para Ourense e un para Pontevedra

Dos 23 docentes que hoxe acadaron a praza de profesor titular, 18 imparten clase no campus de Vigo: Castor Muñoz, da Área de Botánica; Adela María Sánchez, da de Fisioloxía vexetal; Eva María Teira, Maruxa Álvarez e Beatriz Mouriño, da de Ecoloxía; Alberto Luis Velando, da de Zooloxía; Isabel Pastoriza e Jorge Pérez Juste, da de Química física; José Lorenzo Alonso, da de Química orgánica; Diego Moldes, María Remedios Yáñez, Ana María Rodríguez, Ana Belén Moldes e Marta María Pazos da de Enxeñaría química; Mª Consuelo Pérez, de Ciencia dos materiais e enxeñaría metalúrxica; Miguel Rodríguez, de Enxeñaría telemática; Jaime Aneiros, de Dereito financeiro e tributario, e María Soledad Torres, de Teoría do sinal e comunicacións.

No caso do campus de Ourense tomaron posesión como titular Raquel Rial e Ana María Torrado, da Área de Nutrición e bromatoloxía; Olalla Nieto, de Química orgánica, e Daniel González Peña, de Linguaxes e sistemas informáticos.

En Pontevedra acadou esta nova categoría profesional a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal María Cristina Sobrino, da Área de Ecoloxía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.